O Concello de Lugo instala radares pedagóxicos para fomentar unha condución máis segura e responsable

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo iniciou a instalación de radares pedagóxicos en diferentes puntos da cidade co obxectivo de promover unha condución responsable e mellorar a seguridade viaria.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, acompañados pola edil de Educación, Iria Buide, visitaron hoxe a avenida Infanta Elena, onde xa se colocou o primeiro destes dispositivos.
Segundo explicou Arroxo, estes radares teñen “un obxectivo formativo: facer que as persoas condutoras tomen conciencia da súa velocidade ao circular polas rúas de Lugo, contribuíndo así a mellorar a seguridade viaria e a convivencia no espazo público”. O responsable municipal destacou que “seguimos traballando para que Lugo conte cun tráfico calmado e aumentar a seguridade viaria, reducindo a velocidade media nas zonas urbanas e facendo da cidade un lugar máis seguro e amable para todas as persoas”.
Arroxo engadiu que “actuacións como esta permítennos dar un paso adiante na sensibilización da veciñanza, apostando pola educación viaria como elemento básico para mellorar a convivencia entre vehículos e peóns”.
A colocación destes radares continuará nas vindeiras semanas na contorna dos conservatorios, zonas cunha elevada densidade de tráfico. Estes dispositivos, que non teñen capacidade sancionadora, cumpren unha función educativa e informativa, amosando en tempo real a velocidade dos vehículos e emitindo mensaxes destinadas a fomentar unha condución máis segura e responsable.