O Concello de Lugo investirá máis de 220.000 euros na mellora viaria de varias parroquias

A área de Cohesión Territorial que dirixe Ana González Abelleira levará a cabo dúas actuacións de mellora viaria no rural, que se aprobarán este mércores en Xunta de Goberno Local, cun investimento total de 220.092,13 euros. Os traballos permitirán acondicionar estradas municipais en San Xoán do Alto, Santa Comba, Nadela, San Xoán da Pena e San Andrés de Castro, mellorando a seguridade viaria e o acceso aos servizos públicos.
A concelleira subliñou que “cada euro investido no rural é un paso máis cara a unha cidade cohesionada e con igualdade real de servizos. Estes proxectos melloran a vida das persoas, conectan parroquias e reafirman o noso compromiso cunha Lugo sen desigualdades”. Trátase das primeiras obras que se executarán ao abeiro do Plan Deputación 2025.
Na primeira intervención actuarase no vial de acceso ao núcleo de Abelairas, na parroquia de San Xoán do Alto, e nos accesos ao núcleo de Pacios, en Santa Comba. Os traballos consistirán na limpeza de gabias, reparación de beiravías, fresado puntual, renovación do firme con mestura bituminosa en quente e reposición da sinalización horizontal. O orzamento ascende a 124.143,11 euros IVE incluído, cun prazo de execución de tres meses e unha garantía de 48 meses.
A segunda actuación contempla melloras no acceso principal ao núcleo de San Andrés de Castro, na contorna da igrexa parroquial, nun vial próximo ao colexio de Nadela e no acceso á urbanización de San Xoán da Pena. Inclúe tamén a renovación do firme, melloras na drenaxe —especialmente no tramo con pendente de Nadela— e nova sinalización horizontal. O investimento será de 95.949,02 euros IVE incluído, cun prazo de execución igualmente de tres meses e a mesma garantía de 48 meses.
A concelleira salientou tamén que “os esforzos realizados polo Goberno local no rural non son puntuais nin illados. Hai unha planificación continuada e un compromiso claro de investimento que se traduce en melloras visibles”.
O Goberno local destinou xa máis de 672.000 euros á mellora de vías no rural ao longo de 2025
Ao longo deste ano, a área de Cohesión Territorial destinou máis de 672.000 euros á mellora de estradas nas parroquias do municipio, sumando os proxectos executados con cargo ao Plan Deputación 2024, as obras xa adxudicadas do Plan Deputación 2025 e as actuacións realizadas con medios propios.
En concreto, executáronse cinco actuacións financiadas ao abeiro do Plan Deputación 2024, cun investimento superior aos 292.000 euros, que permitiron reforzar a rede de comunicacións nas parroquias de Meilán, Saa, Calde, Orbazai, Veral e Garaballa.
Unha das intervencións máis destacadas foi o acondicionamento do vial que conecta a N-VI coa estrada provincial LU-P-2902 a través do núcleo de Guntín, na parroquia de Meilán, cun investimento de 120.800 euros. Na parroquia de Saa mellorouse o acceso aos núcleos de Barreiros, Faxilde e Cuíña desde a LU-612, e en Garaballa reformouse o camiño entre o Camiño do Souto e a Rúa Garaballa de Abaixo, cun triple tratamento de asfalto.
Completan estas actuacións a mellora do acceso ao núcleo de Calde desde a estrada N-540 e a instalación dun novo paso sobre o Rego de Pías na vía entre Veral e Orbazai, solucionando un punto crítico de drenaxe.
Ademais, o Goberno local levou a cabo obras con medios propios en parroquias como Mazoi, Cuiña, Esperante, Meilán, Rubiás, Calde, Recimil, Labio, Vilamoure, Muxa, Pías ou Pedreda. Estes traballos incluíron asfaltados, bacheos, desbroces e limpeza de cunetas, así como o acondicionamento dos accesos principais para a celebración de eventos. A actuación global supuxo un investimento de arredor de 160.000 euros e a mellora de máis de 15.930 metros cadrados de superficie. A brigada municipal continúa actualmente con tarefas de asfaltado e desbroce en Mazoi, San Xoán do Campo e Gondar.
A estas actuacións sumaranse nas vindeiras semanas novas melloras viarias con medios propios, xa planificadas e que se irán executando en función das necesidades detectadas nas diferentes parroquias, entre elas Romeán, rúa Xian, Piñeiro, O Burgo e Piugos.