O Concello de Lugo investiu preto de 200.000 euros en instalacións deportivas municipais

LugoXa
As intervencións realizadas abranguen desde a modernización dos sistemas de iluminación e calefacción ata a renovación de infraestruturas clave
Plan-Dinámico-Deportes-Lugo
13 Dec 2024

A Concellería de Deportes de Lugo, a través do Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo, realizou nos últimos meses un investimento de preto de 200.000 euros no mantemento e modernización de 14 instalacións deportivas municipais.

Jorge Bustos, o edil encargado destes traballos, destacou o impacto desta estratexia de mellora continua: “O Plan Dinámico de Intervención é unha ferramenta esencial para priorizar as actuacións máis necesarias e garantir que as nosas instalacións deportivas estean sempre á altura das expectativas dos seus usuarios. Este modelo permite adaptar as infraestruturas ás demandas tanto dos clubs como dos deportistas ocasionais, ofrecendo espazos seguros e modernos".

Así, no último trimestre, realizáronse melloras significativas en instalacións como as piscinas de Frigsa e As Pedreiras, o Pavillón Municipal, o Polideportivo da Piringalla, as pistas de Fingoi e San Xoán, e os campos de fútbol da Cheda, As Gándaras, Nadela e o Polvorín. Tamén se interveu noutros espazos destacados, como o Castiñeiro, o Sagrado Corazón e o parque das Termas, incrementando a funcionalidade e o confort destas dotacións.

As intervencións realizadas abranguen desde a modernización dos sistemas de iluminación e calefacción ata a renovación de infraestruturas clave, como redes eléctricas ou espazos impermeabilizados, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental. Estes traballos complementáronse coa posta a punto de equipamentos deportivos, sempre co fin de garantir unhas condicións óptimas para adestramentos, competicións e actividades individuais.

“Estas actuacións son imprescindibles para ofrecer espazos de calidade que promovan a práctica deportiva en condicións seguras e confortables,” afirmou Jorge Bustos, quen tamén destacou o traballo realizado con clubs e entidades deportivas: “Desde a área que diriximos, colaboramos estreitamente co tecido asociativo para impulsar valores deportivos e fomentar a formación da mocidade.”

A planificación eficiente destas accións permite que as intervencións se realicen sen interromper o uso habitual das instalacións. “Revisamos periodicamente as actuacións necesarias para que cada investimento teña o maior impacto posible no servizo que prestamos á cidadanía,” engadiu o edil.

0.18079113960266