O Concello de Lugo inviste máis de 1.5 millóns ao ano nas escolas infantís
A Tenencia de Alcaldía mantén catro escolas municipais no Concello de Lugo, “unha competencia do goberno galego nas que a Xunta non mostra implicación”, di Arroxo.
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta do esforzo que anualmente realiza o Concello de Lugo coas Escolas Infantís Municipais, cuxo curso comeza o vindeiro luns 4 de setembro. Arroxo destacou que a concellería de Educación, dirixida por Felipe Rivas, inviste anualmente máis de 1.5 millóns de euros no mantemento das escolas, “un investimento no que a Xunta de Galiza aporta anualmente menos de 200.000€”, explicou Arroxo..
Desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo cada ano no mantemento das escolas infantís, un investimento no que a colaboración da Xunta de Galiza é mínimo”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “a educación infantil de 0 a 3 anos é unha competencia directa da Xunta de Galiza que no Concello de Lugo deixan descoidada”.
Arroxo afirmou que “desde o Concello de Lugo manteremos o noso compromiso para garantir a presenza de escolas infantís públicas, un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias”. O Tenente Alcalde declarou que “agardamos a que a Xunta inicie o procedemento para facerse cargo das súas competencias e xestionar directamente as escolas”.
As escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.