O Concello de Lugo inviste máis de 324.000 euros na modernización das redes de saneamento e abastecemento

O Concello de Lugo aprobará na próxima Xunta de Goberno Local dúas actuacións destinadas a modernizar e reforzar as infraestruturas hidráulicas en zonas consolidadas da cidade, cun investimento total de máis de 324.000 euros financiados con cargo ás partidas de renovación de redes de saneamento e abastecemento.
A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, destacou que estas obras permitirán atender as demandas veciñais e optimizar a eficiencia das redes municipais. “Seguimos renovando infraestruturas básicas para mellorar o servizo tanto no saneamento como no abastecemento da cidade”, sinalou.
A primeira intervención centrarse-á na rúa Pintor Pacios, onde se renovará a rede de saneamento cun orzamento de 64.387,96 euros con IVE incluído e un prazo máximo de execución de catro meses. A actuación permitirá modernizar as canalizacións e incrementar a capacidade da rede nunha zona residencial de uso intensivo, garantindo melloras no día a día das persoas que viven nesta contorna.
En paralelo, tamén se aprobará a renovación da rede de abastecemento en varios tramos da rúa Alexandre Bóveda, cun orzamento de 260.392 euros con IVE incluído e un prazo máximo de cinco meses. Esta obra contempla un plan específico de retirada de amianto que asegura a substitución das tubaxes e acometidas con todas as garantías. “Con esta intervención reforzamos a calidade da rede de abastecemento e aseguramos un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais”, subliñou Abelleira.
Ambas actuacións contan cunha ampliación da garantía de 48 meses, moi por riba do mínimo legal dun ano, o que proporciona unha maior cobertura para o Concello e refuerza o investimento municipal. “Estas condicións aseguran que o esforzo económico realizado terá continuidade no tempo e que a veciñanza contará cun servizo fiable e de calidade durante moitos anos”, explicou a concelleira.
“Desde o Concello de Lugo estamos a traballar con planificación e responsabilidade para que a renovación das redes de abastecemento e saneamento chegue progresivamente a todos os barrios”, concluíu Abelleira.