O Concello de Lugo lanza a campaña 'Luguau' para fomentar a limpeza das rúas entre propietarios de cans

LugoXa
A iniciativa repartirá kits de limpeza e ofrecerá información práctica para evitar manchas e malos cheiros na vía pública
Campaña-Luguau-kits-de-limpeza-de-ouriños-de-can-Lugo
24 Mar 2026

O Concello de Lugo, a través da iniciativa EcoLugo e coa colaboración da Concellería de Transición Ecolóxica, puxo en marcha a campaña 'Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños', unha acción de sensibilización dirixida ás persoas propietarias de cans co obxectivo de manter limpas as rúas, evitar malos cheiros e mellorar a convivencia cidadá.

A campaña desenvolverase os días 26 e 27 de marzo en varias prazas de catro barrios da cidade, onde se realizará o reparto gratuíto de kits de limpeza en horario de mañá e tarde: o xoves 26 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas na Praza do Camiño Primitivo e de 16:00 a 20:00 horas na Praza Augas Férreas; o venres 27 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas na Praza da Milagrosa e de 16:00 a 20:00 horas na Praza do Campo Castelo.

Os kits inclúen unha botella de vinagre branco, un recipiente para preparar a mestura e un folleto explicativo coas instrucións de uso. Recoméndase utilizar unha mestura ao 50% de auga e vinagre branco, ou ben auga con xabón, para verter sobre os ouriños dos cans e así evitar manchas e malos cheiros.

Ademais do reparto, a campaña contará con carpas informativas en distintos puntos da cidade e con accións dixitais de sensibilización, co fin de reforzar a mensaxe de corresponsabilidade entre a veciñanza.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que a iniciativa busca “seguir avanzando nunha cidade máis limpa, máis coidada e máis respectuosa cos espazos públicos”, apelando á responsabilidade colectiva no coidado do espazo común. Subliñou que se trata dunha acción centrada no día a día da cidade, na que pequenos xestos poden ter un impacto significativo sobre o estado das rúas, e que o obxectivo non é sancionar, senón facilitar ferramentas prácticas aos cidadáns.

Desde o Concello lembran que a campaña pretende reforzar a responsabilidade das persoas que conviven con mascotas, coidando tanto os espazos públicos como as fachadas das vivendas privadas, contribuíndo a manter a cidade en mellores condicións de limpeza. Finalmente, animouse á veciñanza a participar activamente e a adoptar hábitos responsables para facer de Lugo un lugar máis limpo, coidado e agradable para vivir.

0.12822914123535