Lanzan subvencións para fomentar a participación das familias na educación dos pequenos de Lugo

O Concello de Lugo promove un programa de subvencións dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnos e alumnas (ANPAS) de centros sostidos con fondos públicos para a realización de actuacións en materia de participación educativa.
Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, explicou que con esta liña de axudas "buscamos fomentar as actividades que impliquen a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e coñecemento deste e colaborando na creación de comunidades educativas".
Como novidade este ano, serán subvencionables actividades de formación sobre distintas temáticas, como adiccións, educación emocional, primeiros auxilios ou igualdade, así como actividades culturais, incluíndo visitas a museos ou excursións turísticas.
Dende a Concellería de Educación destacan que a implicación das familias é un factor clave para o éxito educativo. "É preciso apoiar desde as institucións esta participación dentro do ámbito das competencias que ten cada Administración, motivo polo que poñemos en marcha esta liña de subvencións para as ANPAS", sinalou Buide.
O orzamento inicial será de 10.000 euros, con ata 2.000 euros por asociación para proxectos de participación educativa, podendo cubrir ata o 90% do custe do proxecto e un 60% das actividades culturais. As bases estarán dispoñibles no BOE esta semana e o prazo de presentación de solicitudes abrirase entre o 8 de setembro e o 3 de outubro.