O Concello de Lugo lanza un servizo pioneiro de recollida para grandes xeradores de biorresiduos
A Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, en colaboración con ECOLUGO, lanza un servizo pioneiro de recollida porta a porta para grandes xeradores de biorresiduos. Este proxecto, dirixido a establecementos como restaurantes, hoteis, supermercados, hospitais e centros educativos, busca facilitar a reciclaxe eficiente da materia orgánica e cumprir coa normativa ambiental vixente.
O edil Mauricio Repetto subliñou que “este tipo de iniciativas poñen a Lugo na vangarda da xestión de residuos, mostrando que o compromiso ambiental tamén é unha oportunidade para mellorar a calidade de vida e xerar conciencia social.” Ademais, sinalou que “os grandes xeradores son clave para que este sistema funcione de forma efectiva e para consolidar un modelo de cidade sostible.”
Na súa fase inicial, o proxecto conta con 67 establecementos adheridos, entre os que destacan 36 centros educativos, 13 residencias de maiores, 9 hoteis e restaurantes e outros 9 espazos, como mercados ou comedores sociais. Estes números reflicten o compromiso de Lugo coa sostibilidade e co avance cara a unha economía circular.
O servizo ofrece vantaxes significativas para os establecementos adheridos, como a recollida directa e gratuíta na porta, a entrega de contedores específicos e a asignación dun “selo con garantía ambiental” que destaca o compromiso social e medioambiental. Ademais, o uso deste sistema contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e ao cumprimento da normativa europea sobre reciclaxe de residuos orgánicos.
Para participar, os establecementos deben separar a materia orgánica doutros residuos, depositala nos contedores marróns facilitados e manter a súa hixiene. ECOLUGO ofrecerá formación e asistencia personalizada para asegurar unha correcta xestión dos residuos. Incidencias como rebasamentos ou falta de mantemento poderán ser notificadas a través das vías de contacto habilitadas.
Dende a implantación inicial do contedor marrón no sur da cidade, que contou con máis de 100 unidades e compostoiros colectivos, o Concello ampliou o servizo de forma gradual. Coa incorporación dos grandes xeradores, Lugo dá un paso máis na mellora da reciclaxe da fracción orgánica, reducindo as emisións de gases que contribúen ao cambio climático e reforzando a calidade ambiental da cidade.
Os interesados en adherirse poden contactar coa oficina de ECOLUGO na Rúa Clérigos, mediante o teléfono gratuíto 900 909 671 ou a app bitPAYT.