O Concello de Lugo lanza unha nova campaña centrada na recollida do lixo

LugoXa
O alcalde destacou o balance positivo en materia de reciclaxe, cun incremento destacado na recollida de envases lixeiros e papel e cartón durante o ano 2024
campaña-recollida-de-lixo-Lugo
11 Apr 2025

O alcalde da cidade e responsable da área de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, presentou unha nova campaña municipal centrada na recollida de voluminosos e na recollida selectiva da materia orgánica.

Esta nova campaña de información e sensibilización está centrada en dous eixos: o uso correcto do servizo de recollida de voluminosos e a recollida selectiva de materia orgánica. A iniciativa inclúe insercións en 32 mupis municipais, difusión en prensa, radio e redes sociais, e permanecerá activa durante as vindeiras semanas.

“Con esta campaña queremos seguir mellorando, poñendo o foco nos aspectos que aínda poden avanzar. A recollida de enseres é clave para evitar puntos de vertido incontrolado, e a reciclaxe de materia orgánica é o gran reto que temos por diante para completar o ciclo dos residuos”, explicou Miguel Fernández.

A veciñanza pode empregar calquera dos sistemas actualmente dispoñibles para a recollida de materia orgánica: o contedor marrón en vía pública (que require tarxeta de apertura), os composteiros comunitarios en Angelo Colocci, Paseo dos Estudantes, Marqués de Ombreiro e Vilaverde, o servizo para grandes produtores e a compostaxe domiciliaria no rural.

Para calquera destas opcións, o Concello facilita información a través da oficina de atención de Ecolugo (Clérigos, 7), o teléfono gratuíto 900 909 671, a web lucelugo.gal, a app bitPAYT ou o WhatsApp 982 043 093.

No caso da recollida de voluminosos, tamén é preciso solicitar o servizo previamente a través das mesmas canles, xa que non está permitido depositar enseres sen aviso previo.

O servizo está dispoñible durante todo o ano, e conta cunha modalidade específica para persoas con mobilidade reducida, ás que se lles retiran os enseres directamente no domicilio.

BOS DATOS DO ANO 2024

No marco do acto de lanzamento da nova campaña municipal centrada na recollida de voluminosos e na recollida selectiva da materia orgánica, o alcalde destacou o balance positivo en materia de reciclaxe, cun incremento destacado na recollida de envases lixeiros e papel e cartón durante o ano 2024, así como un impulso notable doutras fraccións como o aceite vexetal usado ou os residuos depositados no punto limpo.

“Os datos de recollida separada en Lugo avalan o esforzo colectivo da cidadanía e o bo traballo dos servizos municipais. Hoxe podemos dicir que somos unha cidade máis limpa, máis consciente e mellor preparada para afrontar os retos da sustentabilidade”, destacou o rexedor, quen subliñou que Lugo está a medrar en reciclaxe moi por riba das medias galega e estatal en fraccións como a bolsa amarela e o papel-cartón.

En concreto, a recollida de envases lixeiros alcanzou os 1.555.840 quilos, un 13,93% máis que en 2023 e un 32,8% máis que en 2022, fronte a un crecemento medio do 6,8% en Galicia e do 8,15% no conxunto de España. No caso do papel e cartón, a subida foi dun 3,38% interanual, pero acumula un 48,9% desde 2022, fronte ao 8,76% galego e o 4,26% estatal.

Tamén medrou o vidro (+1,96%), o textil (+3,87%), os plásticos de silo (+32,24%), o aceite usado (+55,32%) e os residuos do punto limpo (+36,62%). Pola súa banda, a fracción resto incrementouse levemente nun 1,85%, pero diminuíu a ratio de xeración por habitante e día, o que se interpreta como unha mellora no comportamento ambiental da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.11265993118286