O Concello de Lugo lembra a importancia de respectar as restricións de acceso ao centro histórico

O Concello de Lugo lembra á cidadanía a importancia de cumprir coas restricións establecidas no plan provisional de tráfico para acceder ao centro histórico da cidade.
Tras rematar as obras de peonalización e ante a próxima entrada en vigor da ordenanza da Zona de Baixas Emisións, o Goberno Local insiste en que só poden acceder ao casco histórico polas rúas Teatro, San Fernando e Montevideo os residentes, propietarios de garaxes, usuarios dos aparcadoiros subterráneos e vehículos autorizados.
Entre estes vehículos autorizados atópanse os destinados a carga e descarga, que no caso de non superar os 3.500 quilos poderán acceder ao centro polas portas da Estación, Bispo Odoario e de San Fernando para realizar o seu servizo nas zonas habilitadas.
Para garantir a seguridade tanto dos residentes como do tráfico rodado e peonil, a Policía Local intensificará os labores de vixilancia e control nestes accesos, co obxectivo de asegurar un maior cumprimento da normativa vixente.