O Concello de Lugo leva a auga potable á parroquia de Pías cunha nova rede de abastecemento

O Concello de Lugo puxo en marcha esta semana as obras para dotar dunha rede municipal de abastecemento de auga á parroquia de Pías, unha zona que ata o de agora carecía deste servizo básico e na que a poboación dependía exclusivamente de captacións particulares. O proxecto, cun orzamento de 135.000,27 euros, responde a unha vella demanda veciñal e mellorará directamente a calidade de vida dun cento de residentes.
O alcalde, Miguel Fernández, desprazouse ata a parroquia para comprobar o inicio dos traballos e destacou que “o acceso á auga potable non pode depender do lugar no que se viva; é un dereito básico que temos que garantir desde o público”. Segundo explicou, a actuación enmárcase na estratexia do Goberno local de reforzar os servizos no rural e avanzar cara a un modelo de cidade máis cohesionado.
O proxecto contempla a instalación de 2.418 metros de nova canalización, que se conectará á rede xeral na estrada LU-P-2901, nas proximidades do polígono do Ceao. A infraestrutura contará con 21 acometidas domiciliarias e dispositivos técnicos como válvulas de corte, bocas de rega, ventosas e puntos de limpeza, pensados para facilitar o mantemento da rede.
As obras realizaranse integramente sobre terreos públicos, sen afectar a propiedades privadas nin requirir expropiacións, e inclúen solucións técnicas adaptadas ás características do terreo nos tramos que cruzan regatos, onde a tubaxe irá protexida mediante fundición ou formigón.
A rede será executada con tubaxes de polietileno PE100 de alta densidade, cun diámetro principal de 63 mm e ramais secundarios de 50, 40 e 32 mm, segundo as necesidades de caudal. A duración prevista da obra é de tres meses.
Ao final dos traballos realizarase o lavado e desinfección da rede segundo o establecido polo Real Decreto 140/2003, co obxectivo de garantir que a auga cumpra cos requisitos sanitarios para o seu consumo.
“Estamos a falar dunha das obras máis necesarias e xustas que se poden executar no rural, porque supón levar un servizo básico a familias que levaban moito tempo agardando por esta mellora”, concluíu o rexedor.