O Concello de Lugo leva á Fiscalía o proceso selectivo dos Inspectores de Policía

LugoXa
O escrito informa da existencia de coincidencias nas respostas de 4 axentes coa plantilla de resultados correctos do suposto práctico.
policia local
16 sep 2021

O escrito, asinado pola presidenta do Tribunal, unha maxistrada, informa da existencia de “coincidencias patentes” nas respostas de 4 axentes coa plantilla de resultados correctos do suposto práctico. Advirte, alén, que estes mesmos 4 aspirantes foron os que sacaron as mellores puntuacións no exame tipo test, mentres que só cometeron erros nas preguntas de dereito penal que preparou a presidenta.

O Concello de Lugo leva á Fiscalía o proceso selectivo aberto para cubrir sete prazas de Inspector da Policía Local mediante promoción interna tras ter coñecemento do informe que foi presentado pola presidenta do Tribunal destas oposicións, maxistrada de profesión.

A convocatoria constaba de dous exercicios, un de tipo test e un suposto práctico. O exame tipo test constaba de dous bloques de preguntas, un correspondente a dereito penal e procesual penal - preparado pola presidenta do Tribunal - mentres que o resto das preguntas e os supostos prácticos foron elaborados polos tres vogais do Tribunal (dous policías locais de fóra de Lugo e un policía nacional) e que foron remitidos polo axente da Nacional ao secretario do Tribunal, encargado da súa custodia.

Na primeira das probas (exercicio tipo test) aprobaron á totalidade dos catorce axentes presentados e, na segunda (exercicio práctico), foron cualificados como aptos oito dos catorce.

Pero, segundo advirte a presidenta do Tribunal no seu escrito, conformado polo secretario dese Tribunal, tras unha revisión do expediente, se observan “certas coincidencias patentes nas respostas dalgúns supostos prácticos entre eles e coa plantilla de resultados correctos do Tribunal”, plantilla que é a que contempla a solución do exercicio e que sirve para a súa corrección. En concreto, a maxistrada fala de “catro aspirantes que son os que obteñen as mellores puntuacións”.

Así mesmo, tras comprobar tamén as respostas da proba tipo test de cada axente, a presidenta informa de que “se detecta, novamente, que os mesmos catros aspirantes que obtiveron mellores resultados no suposto práctico tamén obteñen os mellores resultados no exame tipo test, pero coa particularidade de que unicamente ou moi maioritariamente fallan as respostas do bloque de preguntas de dereito penal por min confeccionado, acertando integramente ou maioritariamente o resto das 89 preguntas do exercicio”.

A presidenta explica, ademais, que reuniu ao Tribunal para darlle conta destas circunstancias e para lles comunicar a súa decisión “irrevogable de formalizar a súa renuncia a continuar no proceso selectivo”.  Sostén, igualmente, que pouco despois, “polo secretario do Tribunal comunícaseme que os tres vogais presentaron renuncia aos seus cargos nos procesos de Inspectores e de Oficiais mediante correos electrónicos”.

Nas conclusións do seu escrito, a presidenta, que ademais informa da súa renuncia a presidir tamén as oposicións a Oficiais, indica que á vista dos antecedentes e feitos expostos, “comunícase canto antecede á Alcaldesa e á Tenenta de Alcaldesa de Persoal, para que o proceso se desenrole coas debidas garantías e evitar unha posible quebra dos principios constitucionais de acceso á función pública en condicións de igualdade, mérito e capacidade; para que por esa Alcaldía, como órgano competente, se adopten as decisións procedentes de cara a preservar a legalidade e obxectividade do proceso selectivo, valorándose se procede, incluso, a posible suspensión do mesmo para realizar as comprobacións oportunas e, no seu caso, as demais actuacións ás que houbera lugar”.

Tras recibir o informe e previa valoración dos servizos xurídicos municipais, o Concello, co obxecto de salvagardar a legalidade e o correcto desenvolvemento do proceso selectivo, puxo o escrito en coñecemento da Fiscalía por se procede abrir dilixencias co fin de pescudar se os feitos expostos puidesen ser constitutivos dalgún ilícito penal.

Polo tanto, procede informar de que, ata que exista unha resolución da Fiscalía, queda suspendido o proceso selectivo de Inspectores da Policía Local.

O outro dos procesos selectivos, o de Oficiais, que se ía pór en marcha para dotar de mandos ao Corpo policial e que non foi convocado pola renuncia do Tribunal (xa que é o mesmo que o das oposicións a Inspectores), seguirá o seu curso unha vez que se constitúa un novo Tribunal, para o que se chamará ás persoas suplentes.

0.17480993270874