O Concello de Lugo leva investidos máis de 114 millóns de euros do investimento

LugoXa
A Conta Xeral do pasado exercicio confirma, asemade, que o Patrimonio Neto aumentou en máis de 3’2 millóns de euros e ascende xa 436.180.761
dineiro-cartos-moedas-orzamento
11 Sep 2024

O Concello de Lugo executou en 2023 o 90’49% do gasto comprometido para ese ano. En total 114.225.319 euros, superando así as cifras de 2022 que se situaron nos 107 millóns de euros.

Este incremento viuse acompañado tamén dun esforzo similar realizado tanto no investimento como no gasto por habitante xa que durante o pasado exercicio, o Executivo municipal elevou en máis dun 6 % estes dous parámetros alcanzando os 178’20 euros e 1.163 euros, respectivamente.

“Unha suba que demostra a vontade do equipo de Goberno por manter os servizos e prestacións públicas en altos estándares de calidade pero tamén por apostar polo crecemento e implantación de novas dotacións e infraestruturas que redunden na humanización da cidade, baixo criterios de perspectiva de xénero, inclusión e sostibilidade”, afirmou a alcaldesa Paula Alvarellos en alusión a proxectos que concluíron ou iniciaron a súa materialización ese ano como a rexeneración do Carme, a musealización da Cloaca, a finalización do Coliving ou a peonalización do Centro Histórico, así como diferentes melloras acometidas nos parques da capital que se licitaron nese período “e cos que se persegue incidir en positivo na calidade de vida do conxunto da poboación”.

Igualmente, Alvarellos Fondo achegou outro dos datos máis sinalados que reflicte a Conta Xeral como é o pago a provedores e fixo fincapé no feito de que a área de Tesourería tramitara e liquidara durante o 2023 un total 5.604 facturas por importe de 74 millones de euros, case 8 millóns máis que o ano anterior, “cos que se abonaron as obrigas contraídas coas empresas e autónomos que nos subministran obras e servizos nun prazo moi inferior ao establecido por lei (30 días) como son os 11’80 días nos que se situou o Período Medio de Pago aos provedores (PMP)”, engadiu.

Xa en canto a recadación, a mandataria lucense explicou que o pasado exercicio arroxou un saldo de 99.723.230 € en dereitos recoñecidos cun axuste do 84’5% sobre a previsión de recadación efectuada. E deu conta dalgunhas das cifras máis significativas do epígrafe impositivo das que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais.

“Coma sempre, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais foron o IBI, cuxo importe global ascendeu en case un millón de euros chegando neste 2023 aos 23.019.835 € de ingresos ou a cota pola recollida domiciliaria de lixo, que aumentou en torno aos 200.000 €, alcanzando os 6.947.000 €”, resumiu Paula Alvarellos.

Así mesmo, a alcaldesa referiu tamén outros parámetros positivos como que a solvencia a curto prazo da Administración local se mantén no 226’58 %, a liquidez inmediata no 37’4 % ou que o Patrimonio Neto aumentou en máis de 3’2 millóns de euros e ascende xa 436.180.761 euros.

A pesar destes indicadores, Paula Alvarellos fixo alusión ao informe realizado pola Intervención Municipal ao respecto deste balance contable do Concello e avanzou o seu compromiso por adoptar as medidas sinaladas no mesmo que resulten necesarias para equilibrar as contas municipais logo de anos dun elevado esforzo inversor realizado por parte da Institución local para paliar a paralización da actividade económica que supuxo, a nivel global, tanto a crise sanitaria da Covid 19 como a enerxética que propiciou o conflito bélico en Ucraína.

“Foron anos nos que este Concello quixo estar ao carón das economías domésticas, das familias, apostando polo sector produtivo local con medidas de apoio económico e de exención fiscal e mantendo os gravames conxelados sen descoidar tampouco a mellora e a modernización dos barrios e a diversificación industrial de Lugo pero toca agora afrontar anos de maior contención – sen que isto afecte á prestación dos servizos municipais - para recuperar a capacidade de aforro que fomos destinando a todas estas cuestións, acatando as recomendacións técnicas de compensar ingresos e gastos e mellorando a planificación orzamentaria en prol dunha maior estabilidade financeira e de continuar axustándonos, como sempre fixemos, ás regras fiscais”, avanzou a rexedora.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19572591781616