O Concello de Lugo levará actividades gratuítas a oito espazos públicos durante xullo e agosto

LugoXa
A área de Cohesión Social impulsa un programa de ocio saudable e inclusivo con propostas como ioga, pintura ou ximnasia sen necesidade de inscrición previa
parque-milagrosa
30 Jun 2025

Durante os meses de xullo e agosto, a área de Cohesión Social do Concello de Lugo levará a cabo unha ampla programación de actividades gratuítas ao aire libre en oito parques e prazas da cidade.

A iniciativa, dirixida a persoas de todas as idades e sen necesidade de inscrición previa, inclúe propostas tan diversas como pilates, ballet fit, relaxación, bioximnasia, ioga, pintura, exercicios de respiración, ximnasia a carón do Miño e o programa “Activa o teu corpo”.

As actividades desenvolveranse en diferentes horarios, tanto de mañá como de tarde, segundo o espazo e o día da semana escollido.

Os lugares elixidos para esta programación son o Parque da Milagrosa, a Praza Viana do Castelo, Fingoi, a Praza das Illas, o Parque Rosalía, Lamas de Prado, o Parque Aquilino Iglesias Alvariño e a Praza do Castiñeiro.

No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, as sesións, que terán unha duración dunha ou dúas horas, serán trasladadas ao centro de convivencia máis próximo.

A concellería de Cohesión Social busca con esta proposta promover un modelo de ocio activo e saudable accesible para toda a veciñanza, ao tempo que se fomenta a interacción entre a comunidade para previr situacións de illamento e reforzar os lazos sociais.

⚙ Configurar cookies
0.1485390663147