O Concello de Lugo licita melloras na Escola Infantil de Serra de Outes

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou a licitación dunha serie de obras de mellora na Escola Infantil de Serra de Outes, que inclúen a renovación dos baños para adaptalos á normativa actual, a reforma do patio e outras pequenas actuacións nas instalacións.
Os traballos realizaranse en dúas fases, unha en 2025 e outra en 2026, cun orzamento total de 111.041,14 euros, dos que 43.876,57 se investirán na anualidade 2025 e 67.164,57 no ano seguinte. Cada fase terá un prazo de execución aproximado de tres meses.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou que a mellora do patio tratarase de acometer durante o Nadal para interferir o mínimo posible na actividade habitual do centro.
Arroxo anunciou tamén a apertura do procedemento para adxudicar o servizo de enterramento para persoas sen recursos, un contrato anual que poderá prorrogarse ata catro veces, cun prezo de licitación de 69.297,50 euros. O Concello presta de xeito gratuíto os traballos de recollida e traslado do cadáver, así como os medios materiais necesarios para a prestación do servizo nos casos de persoas con baixos recursos.
Segundo a ordenanza reguladora, este servizo exponse a persoas que sexan beneficiarias do salario social (RISGA), ou que non estean integradas nas canles de axuda social por condicións especiais como ser transeúntes, sempre xustificado mediante informe social. O enterramento realízase nun espazo reservado na zona nova do Cemiterio, e, tras cinco anos, os restos deposítanse nos osarios, permanecendo seis meses antes de ser incinerados e depositados no cinceiro xeral. No ano 2024, o Concello asumiu o custo de nove enterramentos.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a primeira prórroga do servizo de limpeza para a roupa dos Reis Magos, cun investimento de 607,42 euros, mantendo a continuidade deste servizo cultural e tradicional.
COMEDOR DE FINGOI II
Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio que permitirá instalar temporalmente unha caseta de obra en terreo municipal para funcionar como comedor escolar na Escola Infantil Fingoi II, co obxectivo de responder ás necesidades urxentes das familias mentres non se executa a ampliación comprometida pola Xunta de Galicia.
O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, explicou que a aprobación deste convenio está condicionada ao pagamento das taxas correspondentes á licenza de obra, tal e como establece a normativa vixente. Ademais, será necesario formalizar unha adenda ao acordo existente entre a Consellería de Educación e o Concello para integrar este servizo temporal na rede oficial de comedores escolares, o que permitirá recoller de forma adecuada as obrigas económicas e de mantemento.
Bustos subliñou que “o Goberno local leva tempo defendendo que a Escola Infantil Fingoi II conte cun comedor á altura dos estándares de calidade que merecen as familias e o alumnado, e non cun contedor adaptado que apenas resolve de maneira provisional unha situación creada pola falta de previsión da Xunta”. O edil criticou que “se existise unha vontade real, estas obras terían sido planificadas con tempo e executadas para que a ampliación fose xa unha realidade. A Xunta xerou un problema á comunidade escolar pola súa falta de previsión, e agora o mínimo que se lle pode esixir é que cumpra co prometido”.