O Concello de Lugo licita obras de mellora na rede de auga e saneamento en Alexandre Bóveda e Pintor Pacios

O Concello de Lugo porá en marcha novas actuacións para modernizar as redes de abastecemento e saneamento nas rúas Alexandre Bóveda e Pintor Pacios, logo de que a Xunta de Goberno Local aprobe este mércores a súa licitación.
O investimento conxunto ascende a 356.206 euros e as obras darán resposta a reiteradas solicitudes veciñais, segundo confirmou o alcalde, Miguel Fernández, quen manifestou a súa intención de que os traballos comecen "de xeito inminente" para substituír condutos de fibrocemento por outros de fundición dúctil de 125 milímetros, mellorando así a eficiencia e evitando posibles roturas na rede.
A intervención máis ampla desenvolverase no barrio de Paradai, na rúa Alexandre Bóveda, onde se renovarán varios tramos da rede de abastecemento debido ás avarías recorrentes na infraestrutura actual de fibrocemento. O proxecto contempla un prazo de execución de cinco meses e está orzado en algo máis de 287.000 euros. Os traballos comezarán coa localización e reposición das acometidas dos domicilios, e coa instalación dun sistema provisional de abastecemento para garantir o servizo durante as obras. As actuacións abranguerán ambas marxes da rúa: desde o número 13 ata a intersección con Juan de Ibarborou, no lado dos impares, e desde esta última ata a conexión coa rúa Pombal, no lado dos pares.
O plan contempla o levantamento das beirarrúas, a colocación dun by-pass temporal, a substitución das canalizacións de fibrocemento e PVC por outras de fundición dúctil, e a instalación de válvulas de corte, bocas de rego e bocas de incendio. Durante toda a obra garantirase tanto o abastecemento de auga como o acceso a portais e garaxes.
A segunda intervención terá lugar no barrio da Residencia, concretamente na rúa Pintor Pacios, onde se executará unha obra de renovación do sistema de saneamento, cun investimento previsto de 69.167 euros e un prazo de catro meses. Os traballos afectarán principalmente á marxe dereita da vía, onde se substituirá a actual tubaxe de formigón por unha nova de PVC, instalaranse novos pozos de rexistro e sumidoiros, e renovaranse as acometidas.
Ademais, renovarase tamén a rede de abastecemento substituíndo as tubaxes de PVC por outras de fundición, incluíndo a colocación de válvulas, bocas de rego e de incendio, así como a conexión das acometidas aos domicilios. As beirarrúas tamén serán demolidas e reconstruídas na súa totalidade, xa que os traballos danarán todo o seu ancho debido á instalación das novas canalizacións e sumidoiros.
Unha vez aprobadas ambas actuacións pola Xunta de Goberno Local, os correspondentes anuncios de licitación publicaranse no perfil do contratante do Concello de Lugo, dispoñible na Plataforma de Contratación do Estado.