O Concello de Lugo mellora a accesibilidade na parada de bus da rúa Río Sil

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo vén de completar unha actuación para mellorar a accesibilidade na parada de autobús situada na rúa Río Sil, co obxectivo de garantir un transporte público máis inclusivo.
A intervención consistiu en relocalizar a parada, que pasou do número 50 ao número 54 da rúa, nun punto onde o desnivel é menor, o que permitiu eliminar a zona escalonada existente. Así, habilitouse unha zona de espera máis ampla, cómoda e segura, especialmente pensada para persoas con mobilidade reducida.
Segundo explicou o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, “modificamos esta parada para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, eliminando unha barreira arquitectónica que dificultaba o uso do servizo”. Esta mellora responde ás demandas veciñais e forma parte do compromiso da Tenencia de Alcaldía coa mobilidade sostible e coa igualdade no acceso aos servizos públicos.
“Continuamos traballando para eliminar obstáculos e garantir que todas as persoas poidan desprazarse pola cidade en igualdade de condicións”, destacou Arroxo, quen avanzou que se seguirán promovendo actuacións deste tipo en diferentes puntos do municipio.