O Concello de Lugo mellora a seguridade e accesibilidade viaria na Garaballa

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantivo un encontro coas veciñas e veciños da zona da Garaballa para supervisar as melloras executadas recentemente nesta contorna.
Durante a visita, os edís comprobaron o resultado dun proxecto que, segundo Arroxo, supón “unha importante mellora dos viais públicos, permitindo optimizar os accesos e incrementar a seguridade da veciñanza do barrio”.
A intervención foi impulsada pola Tenencia de Alcaldía cun investimento total de 71.760,53 euros, destinados ao asfaltado das zonas con pavimento deteriorado, á construción dunha nova beirarrúa e á instalación de novos sumidoiros e canalizacións para a recollida de augas pluviais.
Ademais das actuacións estruturais, o proxecto inclúe diversas medidas para facilitar a mobilidade peonil e reforzar a seguridade viaria. Entre elas destacan a implantación da circulación en sentido único no tramo da Garaballa de Arriba desde a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo, a limitación da velocidade a 30 km/h e a sinalización de novos pasos de peóns.
Rubén Arroxo sinalou que “con estas melloras buscamos non só optimizar as infraestruturas viarias, senón tamén garantir a seguridade e a accesibilidade para os peóns na zona da Garaballa de Arriba, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza e fomentando unha mobilidade segura e sostible”.