O Concello de Lugo mellora as pistas deportivas da cidade

LugoXa
Nas últimas semanas, renovouse unha das canastras da pista multideporte de Camiño Romai, ademais de instalarse unha nova rede antivandálica
canastra-Lugo
4 Apr 2025

A área de Deportes do Concello de Lugo está a levar a cabo novas actuacións de mantemento nas pistas deportivas da cidade co obxectivo de garantir que estas infraestruturas de proximidade se manteñan en condicións óptimas durante todo o ano.

Así o explicou o edil de Deportes, Jorge Bustos, quen destacou que "o mantemento continuo destas instalacións permite que a cidadanía poida utilizalas nas mellores condicións posibles durante todo o ano".

Nas últimas semanas, renovouse unha das canastras da pista multideporte de Camiño Romai, ademais de instalarse unha nova rede antivandálica e realizar labores de limpeza da superficie. Nos próximos días, tamén está previsto que se repoñan as vallas perimetrais situadas detrás das porterías desta pista.

Do mesmo xeito, colocaranse dúas porterías antivandálicas na pista do Sagrado Corazón e renovaranse as vallas perimetrais da Pista Roja nas vindeiras semanas. Nas pistas das Termas, en resposta ás demandas veciñais, substituírase unha pista de voleibol por outra de fútbol.

Jorge Bustos subliñou que "apostamos por un modelo de cidade que coide o deporte de proximidade, que entenda o espazo público como un lugar de encontro e que refuerce a cohesión social a través das instalacións deportivas. Por iso, estamos atentos ás necesidades da veciñanza e actuamos de maneira continua para que os barrios conten con espazos dignos e seguros".

⚙ Configurar cookies
0.20785403251648