O Concello de Lugo mellorará as beirarrúas do Polígono do Ceao e impulsa convenios culturais e educativos

LugoXa
Maite Ferreiro destaca os acordos aprobados pola Xunta de Goberno, que inclúen investimentos en infraestruturas, San Froilán, participación cidadá e Casas das Linguas
Xunta-de-Goberno-local-Lugo-Maite
17 Sep 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou a renovación de varios tramos desgastados das beirarrúas do Polígono do Ceao. En total, acometeranse 6 treitos da rúa da Factoría, 7 na rúa da Agricultura e 5 na rúa da Industria, sumando 818 metros de melloras.

Os traballos serán realizados pola empresa Construcciones Sanle Lugo SL cun investimento de 94.203,15 euros, destinado a garantir a seguridade de todos os usuarios mediante a instalación de formigón ruleteado, máis resistente ás cargas de vehículos e de menor mantemento que as baldosas substituídas.

A edil tamén anunciou a aprobación do convenio de colaboración para o San Froilán 2025 coa Deputación Provincial, principal colaborador institucional das festas, que achega 370.000 euros, case 15 veces o que aporta a Xunta de Galicia, a quen Ferreiro cualificou de “menosprezo a Lugo”.

No ámbito da Participación, renovaranse os obradoiros infantís nos sábados pola mañá no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, que contaron cun balance positivo de 533 nenas e nenos durante o primeiro semestre de 2025. As actividades inclúen obradoiros de reciclaxe, creatividade e cociña, e desenvólvense en horario de 11:00 a 14:00 horas nun ambiente seguro e participativo.

Tamén se aprobaron as bases das subvencións da área de Participación, cun orzamento de 22.500 euros, destinadas a apoiar proxectos de asociacións veciñais relacionados co asociacionismo, o voluntariado e a participación cidadá, incluíndo gastos de mantemento e funcionamento. Segundo destacou Ferreiro, “esta liña de subvencións permite que as distintas asociacións veciñais de Lugo manteñan a súa actividade ao longo do ano”.

Finalmente, anunciouse a publicación no BOP das bases para a matrícula nas Casas das Linguas municipais para o curso 2025-26, que ofrecerán cursos de galego, portugués, inglés, francés, alemán e linguaxe de signos. As clases darán comezo o 1 de outubro e rematarán o 19 de xuño de 2026, e o período de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de setembro. Cada grupo contará con 20 prazas para adultos e 15 para nenos e nenas.

⚙ Configurar cookies
0.094082117080688