O Concello de Lugo repuxo plantas e plantación de flor de tempada en 29 espazos da cidade

LugoXa
Estas actuacións, que se desenvolveron durante as últimas semanas de novembro, inclúen a colocación de máis de 37.600 unidades de planta de tempada e 16.500 bulbos de flor
flor-para-mellorar-o-ornato-da-cidadeLugo
30 Nov 2024

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, puxo en marcha unha nova campaña de reposición de plantas e plantación de flor de tempada en 29 espazos urbanos da cidade.

Estas actuacións, que se desenvolveron durante as últimas semanas de novembro, inclúen a colocación de máis de 37.600 unidades de planta de tempada e 16.500 bulbos de flor, entre os que destacan tulipas, narcisos e xacintos. En total, o investimento para esta campaña ascende a 51.197,52 euros, incluíndo a adquisición e plantación das especies seleccionadas.

As tarefas distribuiranse en espazos emblemáticos como a Praza Maior, a Fonte dos Ranchos, a Praza da Milagrosa e a Avenida das Américas, entre outros, co obxectivo de potenciar a súa biodiversidade, o seu atractivo visual e a súa integración ambiental. As especies escollidas nesta campaña, como violas, pensamentos, prímulas ou brassicas, permitirán converter os espazos urbanos en lugares máis agradables e acolledores durante esta época do ano.

Mauricio Repetto salientou que “as especies seleccionadas nesta campaña, como as violáceas, están pensadas para resistir as baixas temperaturas e achegar cor durante o outono e o inverno. Ademais, estas plantacións contribúen a mellorar a biodiversidade das zonas urbanas, proporcionando recursos para polinizadores como as abellas.”

Entre as actuacións previstas, destaca a reposición dos setos de buxo máis deteriorados na Praza Maior, que se complementará coa plantación de flor de tempada para revitalizar a estética desta zona tan transitada. Ademais, o Concello xa planifica a reposición dos setos máis longos, situados no lateral dos franciscanos, para a primavera, coincidindo co cambio de flor previsto para ese período e optimizando así o traballo de mantemento.

Estas accións enmárcanse na planificación anual do Concello de Lugo para a mellora continua dos espazos verdes urbanos. “Queremos que Lugo sexa un exemplo de como combinar a beleza e a sostibilidade nos nosos xardíns públicos, sempre pensando no benestar da veciñanza”, engadiu Repetto.

 

0.17040205001831