O Concello de Lugo oferta unha nova viaxe cultural enmarcada na Programación de Animación Sociocultural
A Concellería de Benestar Social e Maiores de Lugo, que dirixe Olga López Racamonde, oferta unha nova viaxe cultural enmarcada na Programación de Animación Sociocultural, que nesta ocasión permitirá visitar Monforte de Lemos, o vindeiro día 11 de decembro.
A diferencia doutros anos, nesta ocasión a viaxe cultural e lúdica será gratuíta e tamén aberta a todas as idades, motivos que levaron ao Goberno Local a incrementar tamén o número de prazas, ata acadar as cen.
Así o explicou a concelleira Olga López Racamonde, quen anunciou que “esta excursión municipal percorrerá diferentes localizacións deste municipio do sur da provincia, principalmente con visitas ao Museo de Arte Sacro das Clarisas, ao Muferga, (o Museo do Ferrocarril de Galicia), e posteriormente ao Museo do Viño e ao centro histórico de Monforte de Lemos. Ademais, a primeira parada será no propio Concello de Monforte, onde o grupo será recibido polo alcalde do municipio e presidente da Deputación, José Tomé.
Está previsto que a saída, en dous autobuses, teña lugar ás 09.00 horas da Praza de Bretaña, para regresar ao mesmo lugar, sobre as 20.00 horas da tarde. As inscricións poderanse facer os días 3,4 e 5, en horario de 10.00 a 13.00 horas, só de xeito presencial, no centro cívico da Milagrosa. A adxudicación das 100 prazas previstas farase por rigoroso orde de inscrición.
Olga López Racamonde pon en valor este tipo de iniciativas municipais porque “contribúen á socialización das persoas maiores con outros rangos de poboación, xa que a excursión está aberta a toda a veciñanza. De feito, xa o fixemos nalgunhas viaxes organizadas este verán con moito éxito, tanto no que atinxe ao número de participantes como no ámbito da integración e da socialización de lucenses de distintas idades e das zonas urbanas e rurais”.
O Concello de Lugo farase cargo das entradas aos tres museos mentres que os propios centros serán os encargados de realizar as visitas guiadas. Pola súa banda, as e os participantes deberán asumir o xantar de cada un. A responsable de Benestar Social e Maiores agarda que esta nova convocatoria logre a mesma boa resposta que as últimas viaxes organizadas desde esta área do Goberno Local, con excursións a Mugardos, Burela, Vimianzo e Ponteareas.