O Concello de Lugo ofrece case 1.000 prazas para cursos de natación

LugoXa
As inscricións realizaranse do 5 ao 10 de setembro e o pago será trimestral para evitar impagos
Jorge-Bustos-na-piscina-de-Frigsa
3 Sep 2025

A Área de Deportes do Concello de Lugo porá á disposición de lucenses de todas as idades un total de 998 prazas para os cursos de natación no primeiro trimestre nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras, o que suporá case 3.000 prazas ao longo de todo o ano.

Para o curso 2025-2026, manteranse as solicitudes e matrículas trimestrais, pero, ao contrario de convocatorias anteriores, o pago será tamén trimestral para evitar impagos e adaptarse ao novo sistema informático e á ordenanza municipal sobre o pagamento de recibos.

Na piscina de Frigsa, os adultos poderán acceder ás 454 prazas dispoñibles en cursos con quendas de mañá e tarde nos niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, cun total de 12 horarios de luns a xoves. Ademais, haberá clases para embarazadas, nado con aletas e natación e saúde. O custo dos cursos para adultos con dúas sesións á semana entre outubro e decembro será de 68,70 euros.

Para cativos e cativas, haberá 288 prazas, tamén nos niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, para nenos e nenas de 3 a 14 anos, impartidas de luns a xoves en seis horarios de tarde, cun custo de 55,80 euros ao trimestre.

Na piscina das Pedreiras haberá 128 prazas para adultos e 128 para nenos e nenas nados entre 2016 e 2022, con clases nos niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, de luns a xoves e en nove horarios diferentes polas tardes.

As solicitudes para os cursos poderanse facer do 5 ao 10 de setembro na recepción da piscina das Pedreiras ou nas oficinas de Frigsa, recollendo a folla de inscrición ou descargándoa da web do Concello de Lugo, onde tamén se poden consultar horarios e cursos.

As listas de admitidos estarán expostas nas oficinas de Frigsa, de 09.00 a 14.00 horas, do 17 ao 22 de setembro. O pagamento farase nun só pago polo trimestre no momento da formalización da matrícula, preferentemente con tarxeta bancaria ou, como alternativa, mediante ingreso ou transferencia bancaria.

⚙ Configurar cookies
0.1909658908844