O Concello de Lugo opta a 2 millóns de euros para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga

LugoXa
O proxecto Aqua Vita busca mellorar a eficiencia do ciclo do auga e ofrecer un servizo máis moderno e eficaz aos lucenses
edar_lugo
6 Feb 2025

O Concello de Lugo presentará a súa candidatura á terceira convocatoria dos fondos PERTE, destinados á mellora da eficiencia do Ciclo Urbano da auga no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O proxecto, que opta a 2 millóns de euros para a dixitalización e sectorización das redes de abastecemento e saneamento, busca mellorar a eficiencia do ciclo do auga e ofrecer un servizo máis moderno e eficaz aos lucenses.

“O obxectivo é mellorar a eficiencia dun recurso tan valioso establecendo un sistema de control integral que permitirá desde detectar posibles fugas na rede ata realizar a telelectura dos contadores domiciliarios, mellorando así a xestión e optimizando o consumo para a cidadanía”, explicou a alcaldesa.

O Goberno local expón un investimento total de 2.866.289 euros para os próximos dous anos no marco do proxecto Aqua Vita, que foi elaborado polo servizo municipal de Medio Ambiente.

AS MEDIDAS

A proposta contempla medidas que, se se obteñen os fondos, mellorarían o servizo de abastecemento e saneamento en Lugo. A alcaldesa destacou que se prevé un aforro de auga do 11,53 % para 2026, ao mesmo tempo que se introducirían automatismos no sistema de traballo diario, incrementando a súa eficiencia.

A dixitalización e sectorización das redes permitiría reducir en máis dun 10 % as perdas de auga na rede mediante un control remoto de instalacións críticas, como os bombeos, os sistemas de alivio ou a propia Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

Tamén se automatizarían parámetros de control, como as verteduras industriais, a calidade da auga ou os cheiros provocados por anomalías no sistema de saneamento. “Este tipo de melloras supoñen un avance inédito na operativa, xestión e control das redes hidráulicas a nivel nacional”, afirmou Alvarellos.

A alcaldesa subliñou que este proxecto tamén terá en conta a necesidade de adaptarse aos efectos do cambio climático, mellorando a resiliencia do servizo de auga de Lugo. “A medida que os comportamentos dos consumidores cambian e os efectos do cambio climático se fan máis evidentes, hai que planificar a longo prazo, pero tamén tomar decisións a curto prazo para garantir un servizo eficiente e sostible”, asegurou.

Dentro do proxecto Aqua Vita, tamén se deseñou un sistema de comunicación entre os sensores habilitados nas redes que permitirá recoller datos sobre o estado das instalacións e priorizar as tarefas que serán ordenadas de forma automática segundo as necesidades e urxencias. Isto melloraría a eficiencia do servizo e optimizaría a xestión dos recursos, como o persoal e a frota de vehículos, conseguindo aforros enerxéticos e económicos.

Ademais, a vertente social do proxecto tamén está presente, xa que se poderá detectar posibles interrupcións no subministro de auga a persoas maiores que viven sós, alertando automaticamente aos Servizos Sociais Municipais. O proxecto tamén inclúe medidas ambientais, como ferramentas para a análise de riscos ante situacións de seca, verteduras ou inundacións, mellorando a resiliencia do municipio ante os efectos do cambio climático.

O proxecto Aqua Vita tamén inclúe a promoción do uso da auga rexenerada en Lugo, que poderá destinarse á rega urbana ou outras finalidades, dependendo das necesidades. “Este é un proxecto moi traballado, que conta coas maiores garantías de éxito, e cremos que Lugo debe seguir avanzando no uso eficiente e sostible da auga”, concluíu Alvarellos.

0.17376589775085