O Concello de Lugo organiza campamentos de Semana Santa

As Casas das Linguas Municipais e o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerán campamentos durante a Semana Santa. Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer unha alternativa de conciliación para as familias e, ao mesmo tempo, achegar os nenos e nenas a outras linguas dun xeito lúdico.
As actividades organizadas nas Casas das Linguas están dirixidas a nenos e nenas nados entre 2015 e 2021. Os campamentos desenvolveranse os días 14, 15 e 16 de abril, en horario de 09:30 a 13:30 horas.
As solicitudes para participar poderán enviarse por correo electrónico entre o 1 e o 7 de abril a partir das 10:00 horas. Dependendo da ubicación desexada, deberá remitirse a solicitude ao correo casa.linguas@lugo.gal para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa ou a casa.linguas.balteira@lugo.gal para a outra sede.
No caso de inscribir irmáns, ambos nomes deberán figurar no mesmo correo. Ofrécense un total de 30 prazas, repartidas en 15 para cada Casa das Linguas, que se asignarán por orde de inscrición. A lista de admitidos publicarase o 8 de abril e ese mesmo día abrirase o prazo para formalizar a inscrición coa documentación necesaria.
Pola súa banda, no MIHL, as actividades están dirixidas a nenos e nenas nados entre 2013 e 2021, e terán lugar os días 13, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 09:15 a 13:45 horas. Para este campamento habilitaranse 20 prazas, que poderán solicitarse tamén entre o 1 e o 7 de abril a partir das 10:00, enviando un correo electrónico a museo.mihl@lugo.gal. A lista de admitidos publicarase igualmente o 8 de abril e o prazo para completar a inscrición estará aberto ata o 11 de abril.