O Concello de Lugo organiza un 'flashmob terrorífico' que percorrerá o centro histórico

O Concello de Lugo suma este sábado aos actos do Samaín un flashmob que promete sorprender aos cidadáns no centro da cidade.
A iniciativa, convocada pola Concellería de Xuventude e a cargo da escola de baile Gravitty Human in Motion, dará comezo ás 18.30 horas na Praza do Ferrol e continuará cun percorrido con paradas cada 15 minutos en San Marcos, Campo Castelo, Praza Maior e Praza da Soidade, rematando ás 19.45 fronte ao Museo Provincial.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, presentou esta mañá o evento, destacando que uns vinte bailaríns e bailarinas da academia lucense de danza urbana participarán nesta actuación que mestura arte e diversión terrorífica. Bustos agradeceu a implicación de Gravitty Human in Motion e subliñou que a proposta estará protagonizada por personaxes icónicos como Miércoles Adams e os Cazafantasmas.
Ademais, durante toda a semana, os afeccionados ao Samaín poden visitar a Casa da Xuventude, que presenta unha decoración especial acorde coa noite máis máxica e terrorífica do outono.