O Concello de Lugo organiza un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

LugoXa
O sábado 8 terá lugar unha ruta polo adarve da muralla, onde se formará unha 'Marea de Bolboretas'
8m-lugo7
6 Mar 2025

A Área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo organiza un completo programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, que terá lugar o 8 de marzo.

O programa comeza este venres, 7 de marzo, co torneo de baloncesto 3x3, de 17.00 a 20.00 horas na praza de Augas Férreas, coas xogadoras do Ensino e do Breogán veteranas como convidadas. Este evento servirá para promover a igualdade a través do deporte.

O sábado 8, pola súa parte, terá lugar unha ruta polo adarve da muralla, onde se formará unha 'Marea de Bolboretas'. Durante este evento, que comezará ás 18.00 horas desde a Casa do Concello, a cidadanía poderá participar volando papaventos con forma de bolboreta, que serán entregados de forma gratuíta. A invitación está aberta a todas as cidadás e cidadáns para unirse á Marea de Bolboretas, un acto que se realizará en colaboración coa Asociación de Empresarios de Lugo (AELU), e que espera contar cunha numerosa participación.

Xa o domingo 16 de marzo, tamén se celebrará a terceira proba do XXIII Circuíto Corre Con Nós - Corre con Elas 2025, que terá lugar no barrio de San Fiz, a partir das 12.00 horas, en homenaxe á saúde e benestar das mulleres.

Martes de Contos para a Igualdade e xornadas de saúde

Dentro do apartado cultural, a área de Muller organiza os 'Martes de Contos para a Igualdade', actividades de narración dirixidas ao público infantil e familiar. O primeiro dos contos será 'Contamos en Igualdade. Contos para non perder', con Ángeles Goas, e terá lugar o martes 11 de marzo, ás 17.00 horas no centro de convivencia Maruja Mallo.

A programación continúa o 18 de marzo, cun espectáculo de maxia chamado A fábrica de feitizos da maga Fani, no auditorio do Vello Cárcere, e o 25 de marzo, tamén no MIHL, con 'Contos vellos, novos finais' de Caxoto.

A saúde das mulleres tamén terá un papel destacado nas actividades, con a organización das Xornadas de Saúde Feminina. O 21 de marzo, ás 18.30 horas no auditorio do Vello Cárcere, terá lugar unha conferencia sobre 'Prevención e enfermidade cardiovascular na Muller', a cargo do doutor Carlos González-Juanatey, Xefe de Servizo de Cardioloxía do HULA.

Con todo, a cerimonia de entrega dos premios 'Entre Mulleres' de 2025, que ía celebrarse no Salón de Plenos do Concello, queda aprazada ata nova data debido a causas organizativas.

⚙ Configurar cookies
0.82299995422363