Organizan un sorteo de entradas para fomentar a participación na 47ª Semana de Cine de Lugo

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo puxo en marcha un sorteo a través das súas redes sociais para que a veciñanza poida participar na 47ª edición da Semana de Cine de Lugo, que comeza hoxe e se prolongará ata o 27 de setembro.
A concelleira Maite Ferreiro destacou a relevancia deste festival para a vida cultural da cidade e lembrou que o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá leva case 50 anos promovendo o cinema entre os lucenses. “As e os afeccionados ao cine esperan cada ano setembro coa ilusión de ver un novo programa da Semana de Cine e desfrutar das películas e curtas que o Grupo Fonmiñá pon á nosa disposición”, afirmou.
No marco do sorteo repartíronse 10 packs de 4 entradas cada un para asistir á proxección da película gañadora do premio á mellor animación de 2024, Flow, un mundo que salvar, así como 20 entradas dobres para a Sección Oficial, que inclúe títulos destacados como Las Cuatro Hijas, El baño del diablo ou Water Lilies.