O Concello de Lugo organiza unha nova edición do programa de rutas de sendeirismo para a xuventude

A área de Xuventude do Concello de Lugo pon en marcha unha nova edición do programa de rutas de sendeirismo, que ofrecerá dez itinerarios para mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.
A actividade, que será completamente gratuíta, busca promover o ocio saudable entre a xuventude e dar a coñecer o rico patrimonio natural de Lugo e de Galicia.
O Concello de Lugo aprobará a licitación da programación, que incluirá dez rutas de sendeirismo, catro delas no municipio de Lugo e as outras seis por diferentes puntos da comunidade autónoma. As rutas terán unha dificultade media-baixa e un percorrido que variará entre os 13 e 25 quilómetros.
Un dos maiores atractivos do programa será a inclusión de rutas temáticas, nas que os participantes poderán aprender sobre a micoloxía, a supervivencia ou a flora e fauna autóctonas. Ademais, as rutas centrarase nos espazos da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un dos grandes tesouros naturais da comarca.
As rutas adaptaranse ás estacións do ano, permitindo aos participantes desfrutar da beleza das diferentes paisaxes de Galicia en cada época. Entre os itinerarios máis destacados, figuran a ruta pola Serra dos Ancares, en outono, que culmina no pico Tres Bispos en Cervantes; un percorrido pola famosa ruta dos Faros na Costa da Morte, na primavera; e o camiño natural da costa cantábrica, no verán.
En cada unha das dez rutas poderán participar ata 26 persoas, que estarán acompañadas dun guía especializado durante todo o percorrido. As actividades realizaranse preferentemente os sábados, con saída desde a Casa da Xuventude ás 8.30 horas e finalizando ás 18.30 horas. Dependendo do itinerario, os participantes poderán realizar o percorrido a pé ou en autobús.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da páxina web de Xuventude do Concello de Lugo, onde tamén se publicará a programación deste ano. Ademais, a información será difundida a través de folletos informativos.
Este programa, que vai consolidándose como un dos eventos máis esperados da xuventude lucense, ofrece unha excelente oportunidade para disfrutar da natureza, aprender e mellorar a saúde física de maneira divertida e ao aire libre.