O Concello de Lugo pagará máis de 2 millóns pola sentenza da Fábrica da Luz
O Concello de Lugo non presentará recurso de casación fronte á sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a Fábrica da Luz, na que se declara resolto o contrato da concesión da obra de recuperación e concesión da explotación da minicentral, unha actuación que foi contratada no ano 2008 e que se atopa paralizada e xudicializada desde o ano 2015.
Desde o goberno local explican que "a decisión susténtase nun informe da Asesoría Xurídica municipal, no que se advirte sobre a pouca garantía de éxito do mesmo, indicando que a prosperabilidade dun eventual recurso de casación ante o Tribunal Supremo é moi escasa, tanto en canto á súa admisión como, de ser o caso, a unha posterior estimación".
Por este motivo, "e con ánimo de minorar os custes económicos para o Concello", o goberno local procederá a executar a sentenza, e con ese fin pechou coa empresa adxudicataria, Inca Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil, un acordo transaccional polo que só pagará os intereses desde a notificación da sentenza ata a firma do citado acordo.
Tamén se fixa a forma de abono das cantidades estipuladas na sentenza. Así, establécense dous pagos, un primeiro de 150.000 euros no prazo máximo de dez días naturais á firma do citado acordo con INCA, e un segundo de 1,5 millóns antes do 1 de xuño do 2021. Estes abonos serían, segundo explican desde o Concello, "en concepto de dano emerxente, de lucro cesante e a devolución da garantía definitiva que tivo que pór a empresa adxudicataria".
Quedaría pendente un terceiro pago, de 724.090 euros, tamén en concepto de dano emerxente referido ás subministracións, pero que está condicionado a que, tal e como di a sentenza, INCA entregue ao Concello todos estes materiais “a los que se refiren las facturas correspondientes, acompañando toda la documentación pertinente, inclusive los certificados o documentos acreditativos de las garantías legales”, e previa verificación por parte dos servizos técnicos municipais. De ser así, o terceiro abono deberá realizarse antes do 1 de marzo do 2022.
RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL
O Concello e a empresa presentarán, tras o desembolso dos 150.000 euros, un escrito conxunto solicitando ao Xulgado do Contencioso-Administrativo que se dite a resolución que poña fin ao proceso e peza de execución provisional por ter alcanzado ambas as dúas partes un acordo extraxudicial para a execución da sentenza.
Ademais, o Concello procederá a estudar a esixencia de responsabilidade patrimonial das autoridades e do persoal municipal, tal e como establece a lei cando existe unha sentenza contraria aos intereses do Concello que inclúa indemnización aos lesionados. A este respecto, o Concello solicitará un informe a Asesoría Xurídica, segundo se acordou nun acordo plenario.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ
En canto ao futuro da Fábrica da Luz, desde o goberno local lembran que a alcaldesa de Lugo xa anunciou en pleno que estará "en mans dos e das veciñas" xa que o Goberno municipal abrirá un proceso de participación cidadá para que elixan cal será o proxecto final. O mesmo activarase unha vez que a sentenza sexa firme e o inmoble retorne ao Concello.
O obxectivo é "pór en valor este espazo deteriorado polo paso do tempo debido ao proceso xudicial no que está inmerso, para goce da cidadanía ao ser un dos enclaves de maior beleza natural da cidade", aseguran.