O Concello de Lugo participa no plan de recepción e acollida de refuxiados ucraínos

LugoXa
El Ayuntamiento de Lugo participará en el plan de recepción y acogida de refugiados ucranianos tras la crisis que se está viviendo.
Concentración en apoio ao pobo ucraíno
10 Mar 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores na videoconferencia organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias para o deseño dun plan de recepción e acollida de refuxiados ucraínos.

Nesta reunión tamén participaron o presidente da FEMP, Abel Caballero; a secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Pilar Cancela; o secretario de Estado de Migracións, Jesús Perea; e o Ministro Conselleiro da Embaixada de Ucraína, Dmitri Matyushenko, xunto a alcaldes e alcaldesas de todos os municipios do país.

Durante a mesma, segundo explicou Lara Méndez, manifestouse a necesidade de levar a cabo accións coordinadas e conxuntas para canalizar todo o voluntariado que se está a producir nos diferentes puntos de España “porque entendemos que é moi importante unir esa axuda, que se fai co corazón, coa razón, porque se trata non só de acollelos no noso país, senón de incluílos no sistema, de que teñan todas as garantías xurídicas e legais necesarias para que sexan cidadáns de primeira e de pleno dereito”.

“Non se trata, polo tanto, só de albergalos durante un tempo e ofrecerlles aloxamento e manutención, senón tamén de incluílos no sistema, para que poidan ter unha cobertura sanitaria, educativa e legal, e que teñan tamén plena capacidade de inserción no mundo laboral porque en moitos casos non sabemos nin o tempo de estancia, nin se vai a ser para quedarse no futuro, e polo tanto debemos garantirlles todos os dereitos como cidadáns”, engadiu.

A rexedora apuntou que “este é o labor que temos que facer agora: coordinar e axuntar todos eses esforzos, todo ese voluntariado, toda esa boa acción humanitaria que se está producindo. En Lugo son moitas as persoas que xa se puxeron en contacto con nós para colaborar e, polo tanto, vamos a canalizar todo ese voluntariado para asegurar que as persoas que veñan e sexan acollidas na nosa cidade o fagan con todas as garantías”.

Concentración en defensa do pobo ucraíno

O Goberno de Lara Méndez, mostrou a súa repulsa ao conflito bélico que se está vivindo en Ucraína. A corporación municipal saíu á rúa este mércores e sumouse aos 5 minutos de silencio convocados pola FEMP para mostrar o seu apoio ao pobo ucraíno.

Lara Méndez condenou “de forma unánime e enérxica os ataques do exército ruso perpetrados en territorio ucraíno que implican a perda de vidas civís e militares, así como o sufrimento indiscriminado da cidadanía”.

0.09601092338562