O Concello de Lugo pecha os parques da cidade ante a alerta por fortes ventos
A Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo pechará os parques urbanos como medida preventiva fronte á chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo.
Segundo as previsións, ventos de compoñente sur e suroeste poderán alcanzar refachos de ata 70 quilómetros por hora, afectando especialmente o centro da provincia.
Os parques Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela serán precintados polos operarios dos servizos municipais, quedando prohibida a entrada desde o momento do peche.
Así mesmo, dende o Concello fan un chamamento á cidadanía para que respecten estas restricións, evitando situacións de risco que poidan comprometer a súa seguridade.
Desde a Área de Transición Ecolóxica tamén se recomenda non visitar outras zonas verdes municipais con arboredo ata que amaine o temporal, como medida de prevención ante posibles incidentes derivados das condicións meteorolóxicas adversas.