O Concello de Lugo pecha os parques da cidade ante a chegada de ventos fortes

LugoXa
A medida afecta a Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, co obxectivo de protexer a seguridade da cidadanía fronte ao aviso amarelo da Axencia Estatal de Meteoroloxía
Parque-Rosalía-de-Castro-Lugo
22 Oct 2025

O Concello de Lugo informa de que, a partir das 12:00 horas desta mañá, a Área de Transición Ecolóxica procederá ao peche dos parques municipais ante a previsión dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo para esta tarde e noite, con ventos de compoñente suroeste que poderán alcanzar refachos de ata 70 quilómetros por hora, afectando ao centro da provincia.

Dende Transición Ecolóxica explican que os operarios dos servizos municipais precintarán os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento.

Ademais, o Concello fai un chamamento á cidadanía para respectar estas limitacións e non achegarse ás zonas verdes con arboredo ata que remita o temporal, evitando riscos innecesarios e garantindo a seguridade de todas as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.071210861206055