O Concello de Lugo pechará os parques municipais polo aviso amarelo por vento

LugoXa
A medida entrará en vigor ás 09:00 horas deste mércores ante a previsión de refachos de ata 70 quilómetros por hora
parque-rosalia-lugo
20 Jan 2026

O Concello de Lugo informou de que a partir das 09:00 horas de mañá, mércores 21 de xaneiro, procederase ao peche dos parques da cidade como medida preventiva ante a previsión da chegada dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo.

Segundo os datos facilitados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, espéranse ventos de compoñente sur con refachos que poden acadar ata os 70 quilómetros por hora e que afectarán ao centro da provincia de Lugo ao longo da xornada.

Desde a Área de Transición Ecolóxica explican que serán os operarios dos servizos municipais os encargados de precintar os principais parques urbanos, polo que quedará prohibida a entrada aos espazos verdes de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños e Marcos Cela desde o momento en que se faga efectivo o peche.

O Concello fai tamén un chamamento á cidadanía para que respecte estas limitacións e evite achegarse ás zonas verdes municipais con arboredo mentres se manteña este episodio de vento. O obxectivo, segundo sinalan, é previr situacións de risco innecesarias e garantir a seguridade das persoas ata que o temporal remita e se poidan reabrir os parques con normalidade.

⚙ Configurar cookies
0.099463939666748