O Concello de Lugo penaliza á empresa que transforma o parque infantil de Augas Férreas
O Concello de Lugo penalizará á empresa encargada da transformación do parque infantil de Augas Férreas polas continuadas demoras inxustificadas na execución do contrato.
A Xunta de Goberno celebrada hoxe vén de impoñerlle unha sanción de 5.115 euros, a razón de 82’51 euros por cada un dos días do período de dous meses que se lle concede agora como prórroga para que finalice os traballos.
Dende o Concello de Lugo deron conta esta mañá da medida adoptada, logo de que un informe, elaborado polo departamento de parques e xardíns, da área de Medio Ambiente, puxera de manifesto que a obra ía acumulando demoras en todas as fases de construción do recinto.
“Aínda que os labores comezaron a bo ritmo, levando a cabo no primeiro mes as actuacións correspondentes ás tarefas previas como demolicións e cimentacións, etc, a partir do segundo mes da licitación fóronse sucedendo os adiamentos, o que provocou finalmente que sexa imposible cumprir o prazo estipulado, que tiña marcada como data de finalización a xornada de onte, 20 de xullo”, explicaron dende o Concello.
Miguel Fernández referiu tamén que, a requirimento da dirección facultativa, a empresa adxudicataria foi aportando diferentes planificacións da obra ao longo destes meses, actualizando en cada unha delas os cometidos pendentes e acomodando o ritmo dos traballos ao prazo restante para a finalización do parque, “sen que, finalmente, dera cumprimento a ningún por causas alleas á Administración local e que derivan no feito de que a 15 de xullo estiveran pendentes de acometer o 62’73% das tarefas comprometidas”.
Ante esta situación, a Área de Medio Ambiente propuxo unha ampliación do prazo de execución de dous meses, coa conseguinte imposición de penalidades que -tal e como recollía o prego de cláusulas administrativas do contrato- se correponde cunha multa diaria de 82’51 euros durante eses 60 días, alcanzando unha cantidade total de 5.115’62 euros, sen prexuízo de que esta poida variar no caso de que o atraso sexa inferior ou aumente”, abondou o tenente de alcaldesa.
Miguel Fernández indicou, asemade, que o Concello abrirá agora un trámite de audiencias de dez días para que a empresa poida presentar alegacións ou aqueles documentos ou xustificantes que estime oportunos. “Queremos poñer de manifesto que, como Institución e como xestores públicos, exerceremos sempre unha supervisión constante de todas aquelas adxudicacións que promovemos como garante da súa boa execución, para certificar que os materiais e o resultado alcanza as calidades esixidas”, advertiu o edil.