O Concello de Lugo pide á Xunta a paralización da planta de Coeses
O debate en torno á planta de biometano proxectada en Coeses volve protagonizar o pleno municipal. O Concello aprobou na última sesión unha proposición do BNG para solicitar á Xunta de Galicia a paralización da fábrica. De novo, veciños das parroquias afectadas achegáronse ata o consistorio para amosar a súa oposición á instalación. Neste caso, a proposta nacionalista, presentada como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumprise coa legalidade vixente, adoptouse por unanimidade tras os votos a favor dos 24 edís dos tres grupos municipais, PSOE, BNG e PP.
“Producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións". O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". Pola súa parte, a Xunta declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.
O proxecto que se está a valorar polo Goberno autonómico localízase en solo rústico de protección forestal, e conta con núcleos de poboación a poucos metros. "O BNG non está en contra dunha posible solución ao tratamento de residuos orgánicos, como é a proposta que temos enriba da mesa, mais a Xunta ten que promover que estas iniciativas se executen nunha zona catalogada como solo industrial, onde se minimice a afectación ás vivendas". No caso dos socialistas responsabilizaron ao Goberno autonómico e demandaron de novo un cambio de localización. “Estamos de acordo en que é necesario buscar unha saída aos residuos e sabemos cara onde van encamiñados esas saídas pero en todos caso non haberá outro lugar no que se poida poñer que non afecte a poboacións como vai afectar como vemo nos informes da Confederación e de Saúde Pública, ruídos, cheiros, vertidos”, afirmou a rexedora.
Polo tanto, “traslado o mesmo que lle trasladei ao presidente da Xunta de Galicia. Lugo é moi grande e pódese poñer noutro sitio que non afecte á poboación”, continuou. Tamén se pronunciou a voceira do Grupo Municipal Socialista, Ana González: “Quen ten que dicir primeiro se se vai facer ou non se vai facer? A Xunta de Galicia. O Concello de Lugo todo o mundo sabemos o que dixemos e defendemos dende o 2021 e seguiremos dicindo o mesmo. Mentres se axeita á salubridade e a Xunta e a diga si ou non estamos na mesma”. Pola súa parte, a voceira popular Elena Candia quere saber se o goberno local, no proxecto da planta de Coeses, “vai facer algo máis que oposición ao PP”.
Para Candia perderon unha oportunidade para dar explicación dos motivos polos que no ano 2021, cando entrou o proxecto no Concello, “non foron transparentes e informaron á cidadanía desta iniciativa empresarial”. Os populares tamén consideran “inaceptable que o Concello non emita o informe que se lle requeriu o pasado 15 de maio sobre varias cuestións relativas a este proxecto”. Esta ausencia de resposta, tras case tres meses de espera, pon en evidencia a falta de compromiso coa veciñanza afectada, aseguran. Ademais, “lamentan a politización, por parte do PSOE e do BNG”, dun asunto tan importante advertindo de que a demagoxia que practican pon en risco a convivencia veciñal das zonas afectadas por este proxecto.
Garantir máis aparcadoiros e o dereito ao aborto
Tamén se aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a proposición presentada polo Grupo Municipal Socialista para instar á Xunta de Galicia a que contribúa ao incremento do número de prazas de estacionamento gratuíto na cidade. “Existe un compromiso do Goberno autonómico con Lugo que aínda está sen cumprir, xa que no consello celebrado na Xunta en marzo de 2022 o entón presidente comprometeuse polo menos a 6 millóns de euros para abordar necesidades de mobilidade na nosa cidade, sendo o aparcadoiro disuasorio da avenida de Breogán a única obra en execución”, explica o concelleiro Jorge Bustos.
Piden que poñan a disposición da veciñanza aparcadoiros de titularidade autonómica como os dos centros educativos no centro como o IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes ou o edificio administrativo da Xunta na Rolda da Muralla. Os nacionalistas tamén defenderon unha proposta para que o Sergas garanta o dereito ao aborto no Hospital Público de Lugo, presentada despois de facerse público que unha veciña de Lugo tivo que desprazarse ata unha clínica privada de Vigo para poder abortar. A proposición foi aprobada coa abstención do Partido Popular. O BNG acadou o consenso no Parlamento para que se garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública, mais os datos publicados din que a Xunta non está a cumprir coa súa obriga.
A Xunta, a través da Consellaría de Sanidade, deixou en mans privadas o exercicio do dereito ao aborto das mulleres de Lugo naqueles casos en que se practica a interrupción do embarazo a través dun procedemento cirúrxico. Até o de agora as derivacións para embarazos a partir das 8 semanas realizábanse a unha clínica situada na cidade da Coruña mais, unha vez finalizado o concerto con este centro as mulleres son obrigadas a desprazarse até a cidade de Vigo, a máis de 200 quilómetros.
Durante o debate no pleno, a edil do BNG Maite Ferreiro afirmou que "as intervencións da portavoz do PP deixan claro que a Xunta seguirá derivando os abortos instrumentais fóra de Lugo". A proposta do BNG, aprobada coa abstención do PP, reclama ao goberno da Xunta de Galiza acabar cos desprazamentos de mulleres luguesas a unha clínica privada nos abortos instrumentais. Para tal fin, o BNG reclama á Xunta de Galiza que dote dos recursos necesarios o HULA "para que ningunha muller teña que acudir á sanidade privada nin a centros fóra da provincia".
Ferreiro destacou que “está a vulnerar os dereitos das mulleres ao non prestar na sanidade pública con medios propios este servizo, a discriminación é aínda maior se temos en conta o prexuízo que causa ter que cruzar o País de punta a punta",. No ano 2021 o BNG conseguiu o acordo unánime do Parlamento Galego para que a Xunta de Galiza garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública. Porén, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Sanidade, dos 2.975 abortos levados a cabo, só 561 foron atendidos en hospitais e deles tan só 513 en hospitais públicos. Pola contra, dos 2.414 abortos extrahospitalarios, 1.677 foron en centros privados.