O Concello de Lugo pide á Xunta actuar ante os porcos soltos preto da Avenida de Madrid

O Concello de Lugo requiriu á Xunta de Galicia, como administración competente nesta materia, que actúe de urxencia ante a presenza de porcos soltos nas inmediacións da Avenida de Madrid e a estrada Nacional-VI, que desde fai días representan un risco para a seguridade cidadá e obrigan a efectivos da Policía Local a manter unha vixilancia continua para evitar incidentes e accidentes de tráfico, debido á proximidade aos carrís de circulación.
O Servizo municipal de Medio Ambiente lembrou á administración autonómica que, en base á Lei 4/2017, de 3 de outubro, é responsabilidade da Xunta actuar neste tipo de casos. Esta lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia establece no seu artigo 2 que “non será aplicable aos animais que sexan obxecto dunha regulación específica, e, entre outros, aos destinados ao seu aproveitamento, incluído o autoconsumo”.
O Concello de Lugo subliña que estes animais non se consideran de compañía, xa que a súa tenencia non se realiza con fins comerciais, lucrativos ou de aproveitamento directo como mascota, polo que insiste en que a lei determina claramente que a súa intervención non corresponde ao ámbito municipal.
Por todo iso, o Servizo municipal de Medio Ambiente require á Xunta que adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade cidadá e evitar que estes animais poidan causar incidentes.
CONTESTACIÓN DA XUNTA
A Xunta insta ao Concello de Lugo a atender as súas competencias. O requirimento remitido á Administración autonómica polo Servizo de Medio Ambiente do Concello remite á Lei 4/2017, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, referencia "que carece de todo sentido e fundamento xurídico, xa que todo apunta a que os porcos aos que alude non teñen precisamente a categoría de animais de compañía".
En segundo lugar, desde a Xunta defenden que "é o propio Concello de Lugo o que ten aprobada unha ordenanza municipal sobre protección e tenza de animais, "que obriga tanto aos lucenses como ao propio Concello", e na que, no seu artigo Nº 12, establece: “considerarase animal vagabundo aquel que non posúa identificación ningunha e animal abandonado aquel que posúa un número de microchip e que no entanto deambule só polas rúas, sen compaña de persoa ningunha. No dito suposto, o Concello farase cargo do animal e reterao ata que sexa recuperado, cedido ou sacrificado”.
Din que o "garantir a seguridade cidadá é competencia do Concello de Lugo e non á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático". Por iso, conclúen que "o Concello de Lugo busca confrontar coa Xunta de Galicia, feito xa de por si inexplicable, pero que se agrava cando o que está a priorizar é a confrontación fronte á seguridade dos lucenses, o que nos parece un acto de suma irresponsabilidade por parte do Concello de Lugo, e que esperamos que mude a unha actuación responsable en base ás súas competencias neste asunto".