O Concello de Lugo pide á Xunta máis medios para combater as pragas e controlar a poboación de xabarís

O Goberno local de Lugo instará formalmente á Xunta de Galicia a incrementar os recursos humanos, técnicos e económicos destinados ao control de pragas no municipio. A voceira municipal, Ana González Abelleira, anunciou que o Concello reclamará ao Executivo autonómico un traballo “máis rigoroso e planificado” para poñer freo ás especies fóra de control, asumindo dunha vez as súas competencias nesta materia.
A portavoz advertiu da falta de medios e de previsión por parte da Consellería do Medio Rural para afrontar un problema que, segundo subliñou, está a afectar á saúde ambiental, á seguridade cidadá e á economía do territorio. González Abelleira pediu á Xunta que preste especial atención ao control da poboación de xabarís dentro do termo municipal de Lugo, debido aos danos crecientes que estes animais están a causar nas zonas verdes e na contorna periurbana, ademais do perigo que supoñen para a seguridade viaria. “Levamos anos nunha situación similar sen que a Xunta mova un só dedo. Cada vez son máis frecuentes as incidencias en estradas e vías de circulación causadas por xabarís, e a falta de actuación preventiva está a xerar un problema serio”, advertiu.
A representante socialista fixo tamén fincapé na necesidade de reforzar os medios destinados á loita contra a avespa velutina, unha especie invasora que continúa expandíndose de forma acelerada. “Non podemos seguir improvisando cada verán con campañas de emerxencia. É imprescindible unha planificación estable e con recursos suficientes para conter unha praga que afecta á biodiversidade e tamén á actividade económica, especialmente á apicultura. Deben reforzar a asignación orzamentaria para a eliminación de niños e traballar de maneira planificada ao longo de todo o ano”, engadiu.
González Abelleira lamentou a escasa inversión autonómica nestas dúas frontes e criticou que “a política de tapar buratos e actuar só cando o problema xa é grave non é unha estratexia, é unha mostra de desleixo”. A voceira defendeu que a prevención e a planificación a longo prazo son as únicas ferramentas eficaces para reducir o impacto das pragas e garantir a conservación do territorio.
Tamén advertiu de que o sector forestal está a sufrir as consecuencias dun incremento notable das pragas que afectan a especies emblemáticas como o freixo, o carballo ou o piñeiro. Citou neste sentido as recentes advertencias da Asociación Forestal de Galicia, que alertou do aumento destas pragas e urxiu a poñer en marcha programas de axudas e investigación para frear a súa expansión. “Estamos a falar dun sector estratéxico para Lugo e para a provincia, con milleiros de empregos directos e indirectos, que non pode quedar á intemperie por falta de acción da Xunta”, recalcou.
Finalmente, a portavoz municipal pediu ao Goberno galego que estableza unha folla de ruta clara, dotada de recursos técnicos e económicos suficientes, que garanta un control real e sostido no tempo das especies invasoras e das pragas forestais. Tamén instou a implicar aos concellos e ás entidades do sector na definición das medidas. “Lugo e a nosa provincia precisan dunha política forestal e ambiental seria, baseada na prevención, e non en parches de urxencia cada vez que o problema reborda”, concluíu.