O Concello de Lugo pide á Xunta un diálogo directo cos residentes de As Gándaras

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reclamou á Xunta de Galicia a apertura inmediata dun canal de comunicación directo coas persoas residentes da residencia de maiores de As Gándaras para explicar con detalle e transparencia o proxecto de reforma anunciado para o centro e dar resposta ás dúbidas e preocupacións que existen arredor da actuación prevista.
A petición chega despois da reunión que o rexedor mantivo cos usuarios afectados e con persoal da propia residencia, un encontro no que estivo acompañado pola voceira municipal, Ana González Abelleira.
Segundo expón o Goberno local, a información trasladada nesa xuntanza xerou unha importante inquietude, especialmente polo modelo polo que se aposta na reforma, xa que implicaría unha redución aproximada de 30 prazas e un empeoramento das condicións de intimidade e de calidade de vida das persoas residentes. Tal e como se lles explicou, antes da intervención na ala curta de cada planta había 10 persoas con espazos individualizados, mentres que na ala longa residían 20 persoas tamén con zonas diferenciadas.
Co novo deseño, a ala curta pasaría a dispoñer de 8 habitacións individuais e na ala longa habilitaríanse 16 habitacións dobres que, segundo manifestaron os propios residentes, non garantirían condicións axeitadas de intimidade. Esta reorganización supón a perda de 6 prazas por planta, o que no conxunto das cinco plantas da residencia se traduce nun total de 30 prazas menos.
O alcalde advertiu de que este cambio implicaría a desaparición duns 20 cuartos individuais e unha modificación moi significativa no modelo de convivencia, adoptada sen unha consulta previa ás persoas residentes. Por este motivo, reclamou que os responsables da Xunta se despracen ata As Gándaras para manter un contacto directo cos usuarios, explicarlles o proxecto con claridade e resolver todas as cuestións pendentes.
Fernández subliñou que o Concello non busca a confrontación, senón a defensa do interese das persoas maiores, insistindo en que calquera actuación nun centro destas características debe situar ás persoas no centro das decisións e priorizar a súa calidade de vida, a intimidade e o respecto á súa opinión.