O Concello de Lugo pon en marcha a reparación do reloxo histórico da Casa Consistorial

O Concello de Lugo iniciou os traballos para devolver o funcionamento ao reloxo da Casa Consistorial, unha das pezas máis singulares do patrimonio municipal, inaugurada en 1874 durante as festas do Corpus e hoxe símbolo histórico da cidade.
A intervención chega despois de anos de avarías recorrentes e da dificultade para atopar especialistas neste tipo de mecanismos tradicionais. “Era fundamental actuar con rigor técnico e con respecto polo patrimonio para que Lugo recuperase un reloxo que forma parte da súa identidade”, destacou o alcalde Miguel Fernández.
Segundo os informes técnicos municipais, hai escaseza de profesionais capaces de traballar con mecanismos de escape de gravidade con péndulo longo, un sistema case desaparecido en España que require coñecementos moi específicos. Estes mesmos informes subliñan a necesidade de protexer o mecanismo orixinal fronte á humidade e ás condicións adversas como paso previo a unha restauración de maior alcance.
Para recuperar a hora sen afectar á integridade histórica, instalarase un mecanismo dual: un pequeno motor eléctrico conectado a unha central horaria vía satélite, capaz de ofrecer precisión continua e, ao mesmo tempo, completamente non invasivo. Esta solución permitirá un reloxo estable mentres se avanza na restauración das pezas orixinais, que permanecerán intactas e protexidas.
O reloxeiro responsable destacou que o novo sistema “non altera en absoluto a máquina histórica” e que pode activarse ou desactivarse inmediatamente en caso de avaría. Cando a máquina antiga estea restaurada, poderá volver a funcionar sen dificultade.
O alcalde Miguel Fernández engadiu que “con esta solución, Lugo recupera precisión e fiabilidade sen renunciar ao valor histórico dun reloxo único en Galicia” e asegurou que o Goberno municipal traballa para garantir que os símbolos patrimoniais se conserven e funcionen como merecen.
A intervención foi encomendada a un equipo especializado que tamén traballa noutros reloxos monumentais de Galicia, como o de María Pita na Coruña ou o do Concello do Carballiño, garantindo un enfoque técnico experimentado e respectuoso.
Coa posta en marcha deste mecanismo dual, Lugo recuperará nas próximas semanas un dos seus símbolos máis recoñecibles, avanzando cara a unha restauración integral que asegure que o reloxo da Casa Consistorial continúe marcando o tempo da cidade durante as próximas décadas.