O Concello de Lugo pon en marcha os primeiros composteiros comunitarios

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo pon en marcha os primeiros composteiros comunitarios, dirixidos a veciños e veciñas que residen en bloques de pisos e que non dispoñan dun terreo propio para realizar compostaxe na súa vivenda.
Cada composteiro comunitario está composto por cinco módulos para achegar os residuos orgánicos, un caixón estruturante e un cartel informativo sobre o funcionamento do sistema. As instalacións están pechadas cun valado perimetral para garantir a seguridade e unha xestión ordeada do proceso.
O proceso de compostaxe estará baixo a supervisión dos mestres composteiros de EcoLugo, que revisarán semanalmente factores como o nivel de enchido, a temperatura, a humidade e a aireación, realizando os volteos necesarios para asegurar unha descomposición eficiente. O resultado será un compost de alta calidade, que se caracterizará polo seu olor a bosque húmido, e estará dispoñible para os veciños e veciñas para enriquecer hortas e xardíns.
As catro áreas de compostaxe que se están a instalar esperan procesar aproximadamente 70 toneladas de biorresiduos ao ano, xerando 14 toneladas de compost que se repartirán entre a cidadanía. "Repartiremos un quilo de compost a cada veciño, contribuíndo así a pechar o ciclo natural da materia orgánica na nosa cidade", afirmou o edil de Transición Ecolóxica, Fernández.
A implementación destes composteiros comunitarios tamén ten en conta a estética do espazo urbano, integrándose de maneira harmoniosa no entorno, e garantindo unhas condicións controladas que eviten a xeración de olores desagradables.
Compostaxe no rural e recollida da materia orgánica
Ademais das áreas comunitarias, o proxecto tamén contempla a entrega de 800 composteiros individuais para familias do rural que dispoñen de terreo, co obxectivo de fomentar a compostaxe na orixe dos residuos orgánicos.
O Concello de Lugo organizará reunións informativas no Edificio Impulso Verde para explicar detalladamente o proceso de solicitude a todas as familias interesadas.
En total, tanto a compostaxe comunitaria como a doméstica no rural permitirán reciclar máis de 250 toneladas de biorresiduos ao ano, xerando aproximadamente 50 toneladas de compost que se reintroducirá no ciclo produtivo.
Este programa de compostaxe complétase co servizo de recollida mediante contedor marrón, implantado en xullo de 2024, que recolle unhas 5,44 toneladas mensuais de residuos.
Ademais, o servizo de recollida porta a porta para grandes xeradores, posto en marcha a finais de decembro de 2024, rexistra unha media de 29,22 toneladas mensuais de materia orgánica recollida.