O Concello de Lugo pon en marcha un novo plan de tráfico para liberar de tráfico a Rúa Nova

LugoXa
Os vehículos que necesiten acceder á Rúa Montevideo desde Bispo Odoario ata Rúa Nova farano entrando e saíndo por Bispo Odoario
porta-muralla-Bispo-Odoario-Lugo
21 Mar 2025

O Concello de Lugo activa un novo plan de tráfico que marcará un paso decisivo no proceso de peonalización do centro histórico da cidade.

A medida permitirá eliminar de forma definitiva a circulación de vehículos pola Rúa Nova, consolidando esta vía como un espazo exclusivo para peóns, ao igual que a Rúa San Marcos, que tamén recupera o seu uso completamente peonil.

As actuacións incluídas neste novo plan comezarán a implementarse previsiblemente a media mañá, momento no que o tráfico quedará restrinxido unicamente á maquinaria necesaria para rematar as obras, actualmente na súa fase final, dentro do proxecto de peonalización entre a Porta da Muralla Bispo Odoario e a Praza de Ferrol.

Para culminar estes traballos, será necesario ocupar o cruce entre a Rúa Nova e a Rúa Montevideo, mentres que continúan tamén as actuacións na Rúa Bolaño Ribadeneira, no tramo comprendido entre Rúa Nova e Rúa Quiroga Ballesteros.

Cambios no tráfico e circulación alternativa

O novo plan implica modificacións nos sentidos de circulación, que quedan da seguinte maneira:

  • Emerxencias, residentes e usuarios do aparcadoiro da Rúa Ramón y Cajal accederán e sairán pola Rúa Montevideo en dobre sentido, con un carril habilitado en cada dirección. Elimínase así o acceso e saída pola Rúa Nova.

  • O tramo de Montevideo entre Ramón y Cajal e Rúa Nova quedará reservado exclusivamente para residentes e servizos de emerxencia, tamén en dobre sentido pero cun único carril de circulación.

  • Os vehículos que accedan á Rúa Nova desde a zona da Praza da Soidade e pretendan continuar cara Montevideo, deberán desviarse por Carril dos Fornos, continuar por Rúa María Balteira e saír por Montevideo en dirección á Porta de Bispo Odoario.

En resumo, os vehículos que necesiten acceder á Rúa Montevideo desde Bispo Odoario ata Rúa Nova farano entrando e saíndo por Bispo Odoario.

Pola súa parte, os que se dirixan á zona da Praza de Ferrol, Bolaño Rivadeneira, Amor Meilán, San Froilán ou Quiroga Ballesteros (no tramo entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) deberán utilizar como vía de entrada e saída a Rúa San Fernando, segundo o plan de tráfico anunciado polo Concello.

⚙ Configurar cookies
0.67935681343079