O Concello de Lugo pon en marcha unha nova acción formativa online e gratuíta
O Goberno de Lara Méndez promove unha nova acción formativa para mozos e mozas emprendedores, coa colaboración da Fundación Incyde, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE). Trátase do programa Liderazgo e novos modelos de negocio, impartido por expertos e especialistas no ámbito empresarial, que ofrecerá a posibilidade de formarse de forma online e gratuíta, seguindo a metodoloxía e-learning, a 25 persoas menores de 30 anos.
Esta acción formativa dará comezo o 31 de maio e terá unha duración de sete semanas, estando prevista a data de finalización para o 16 de xullo. O programa pretende servir como ferramenta de identificación de oportunidades e achegamento ás mesmas, afondando, entre outras cuestións, nos seguintes contidos: competencias no liderado e o emprendemento sostible no tempo, liderazgo na capacidade negociadora do emprendedor, liderazgo no control das emocións, liderazgo no financiamento e liderazgo na xestión do tempo.
As inscricións para participar nesta formación xa se atopan abertas na web de Incyde e as prazas ofertadas cubriranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes.
Obxectivos e tipoloxía das sesións de formación
Os obxectivos do programa son ofrecer aos participantes unha estratexia de definición, impulso e control da súa iniciativa empresarial dende unha perspectiva integral innovadora, favorecer a implementación de modelos de negocio con capacidade de dar resposta ao cambio continúo facendo fincapé na innovación como motor de crecemento competitivo e redefinir a estratexia competitiva do modelo de negocio actual dos participantes buscando unha maior competitividade e adaptabilidade de resposta ao cambio.
Así mesmo, organizaranse dous tipos de sesións: sesións de formación conxunta e accións de acompañamento e consultoría individualizada.