O Concello de Lugo porá en marcha un plan piloto de taxi a demanda para as parroquias sen servizo de bus

O tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Veciñanza e Participación, Cristina López, mantiveron unha reunión coa veciñanza da asociación O Pondelo, en Carballido, un dos lugares onde se porá en marcha o plan piloto de taxi a demanda impulsado pola Tenencia de Alcaldía.
Segundo explicou Arroxo, Lugo podería converterse “na segunda cidade do Estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse á cidade a custo reducido”. O obxectivo, engadiu, é ofrecer unha alternativa de mobilidade pública nas zonas rurais, onde o bus urbano non chega ás 54 parroquias do municipio.
Para facelo posible, o Concello está a actualizar a ordenanza do taxi, unha normativa con máis de vinte anos de antigüidade que se adaptará á lexislación galega de 2018. Esta modificación permitirá, ademais, que os profesionais do sector poidan presentarse á licitación do novo servizo de transporte a demanda unha vez se inicie o procedemento.
O texto deberá ser aprobado inicialmente polo Pleno municipal, posteriormente pola Xunta de Galicia, e de novo de forma definitiva polo Pleno. Arroxo destacou que o proceso de actualización se elaborou “da man co sector do taxi, mantendo múltiples reunións coa asociación de taxistas para avanzar nesta nova normativa”.
O tenente de alcalde subliñou que o taxi a demanda é “un servizo que non existe aínda en ningunha cidade galega; só Pontevedra está a traballar nun proxecto similar”. Para a súa posta en marcha será necesaria a creación dunha plataforma de control que permita ao Concello xestionar as solicitudes e supervisar os percorridos realizados por cada vehículo.
O sistema funcionará de xeito semellante ao bus urbano, con rutas predefinidas e o mesmo prezo do billete, sempre que as persoas usuarias dos núcleos rurais realicen a reserva con antelación. Arroxo concluíu que “sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitirá á veciñanza gozar dun transporte público accesible e asequible”.