O Concello de Lugo prepara a remodelación integral e ampliación da área de xogos infantís de Montirón
A rexedora lucense, Lara Méndez continúa avanzando na renovación e mellora dos parques infantís da cidade, atendendo ás peticións que lle traslada a veciñanza.
Así, a alcaldesa optou por acometer a reforma integral da área de xogos situada na praza de San Xoán, en Montirón. Unha contorna en expansión que nos últimos anos incrementou o número de vivendas construídas e, por tanto, de residentes, o que deriva nunha maior concentración de usuarios da dotación e no seu desgaste.
O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, explicou hoxe que, coa intervención prevista, “o recinto experimentará unha mellora moi considerable ao mudar completamente a súa configuración, que será atractiva e integradora en tanto disporá de elementos novidosos e accesibles tamén para crianzas con diversidade funcional, tratando de pular pola inclusión ao tempo que se lle dá solución, igualmente, ás necesidades que, día a día, nos traslada a cidadanía”.
O concelleiro de Medio Ambiente deu conta de que os labores programados, cuantificados en 46.400 euros, contemplan a reparación e adaptación dos xogos existentes, mediante o seu lixado, pintado, barnizado e incluso a reposición de pezas deterioradas; a renovación completa do solo da área de xogos, de 252m², na que se instalará pavimento de caucho cunha colorida composición en vermello, azul, amarelo, ocre e negro, así como a substitución do valado de madeira existente, o que mellorará substancialmente, no seu conxunto, a confortabilidade de toda a área.
“Queremos que este espazo se converta nun lugar de lecer e divertimento para os e as pequenas, que pasarán a dispoñer de dous novos elementos: un multixogo con torre e tellado, no que gozarán de tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira, e dun columpio accesible”, referiu o edil.
A actuación, que terá un prazo de execución aproximado de dous meses, segue a outras executadas este mesmo ano, como as acometidas nas áreas da Avenida das Américas, San Roque ou Río Mandeo, e precederá a outras similares proxectadas na Fonte dos Ranchos, o Castiñeiro ou o Campo Castelo.