O Concello de Lugo presenta as bases para as ofertas de emprego público dos próximos anos

LugoXa
A súa aprobación mañá, en Xunta de Goberno, permitirá ao Executivo de Lara Méndez convocar de inmediato as prazas contempladas nas OEP’s de 2021 e 2022.
Imaxe do Edificio de Servizos Administrativos do Concello de Lugo
14 Nov 2023

A súa aprobación mañá, en Xunta de Goberno, permitirá ao Executivo de Lara Méndez convocar de inmediato as prazas contempladas nas OEP’s de 2021 e 2022.

A Mesa de Negociación do Concello de Lugo vén de aprobar, por unanimidade das forzas presentes na mesma (CC.OO, CSIF, CIG, UXT e SPPLB, esta última sen dereito a voto), as bases xerais que rexerán as Ofertas de Emprego Público dos vindeiros anos e que o Executivo de Lara Méndez prevé convocar proximamente.

Así o anunciou o responsable da área de Persoal, Pablo Permuy quen sinalou que “a excepción do sindicato AFI -USO, que se desmarcou deste proceso dende o inicio a pesar de que o obxecto da reunión non gardaba relación coas reivindicacións que esgrimía o colectivo, o resto da representación do persoal municipal avala o documento acadado no que, entre outros aspectos, se recollen os contidos mínimos que deben figurar nas diferentes probas, as súas modalidades e desenvolvemento, o sistema selectivo, os requisitos a cumprir polos/as aspirantes e mesmo as materias comúns a cada grupo, etc”.

O concelleiro sinalou que o acordo chega despois de dúas xornadas de debate, “moi frutíferas e produtivas, nas os diferentes sindicatos achegaron as súas propostas. Suxestións e peticións que se tiveron en conta na súa totalidade e das que máis da metade se incorporaron ao texto, sempre nun ambiente de máxima cordialidade e respecto profesional”, subliñou Pablo Permuy ao tempo que agradeceu o labor levado a cabo polos sindicatos que interviron “para acadar un documento amplo, moi completo e colaborativo que será, sen dúbida, unha ferramenta de gran utilidade á hora de afrontar a cobertura das prazas recollidas nas OEP’s e de dotar de recursos humanos á Administración local na procura dunha maior eficiencia da Institución de cara á cidadanía”, sostivo o edil.

O concelleiro de área explicou que o obxecto destas bases xerais é a regulación do procedemento xeral para o acceso en propiedade ás prazas vacantes de funcionarias/os de carreira e persoal laboral, tanto en quenda libre como de promoción interna que están incluídas nas ofertas de emprego público do Concello de Lugo a razón de 26 prazas dentro da OEP de 2021 (18 en quenda libre e 8 por promoción interna) e 35 na de 2022 (32 de promoción libre e 3 de promoción interna), ao tempo que se está a elaborar a correspondente ao 2023.

Avánzase así na folla de ruta establecida polo Executivo de Lara Méndez que marcou como prioridade a abordaxe destas Ofertas para atender, a continuación, as reivindicacións dos sindicatos do Concello en materia de prestacións e organización interna do persoal municipal.

Trala validación, mañá, do documento en Xunta de Goberno, as bases serán publicadas nos diarios e boletíns oficiais.

0.10414791107178