O Concello de Lugo presenta novos cursos para o rural e destaca o apoio ao tecido asociativo veciñal

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza de Lugo, Cristina López, mantivo un encontro coas distintas asociacións veciñais do rural de Lugo co obxectivo de presentar os cursos que a Tenencia de Alcaldía está a organizar para o ano 2025.
As entidades veciñais poderán participar en formacións de temáticas variadas como cestería, repostaría ou restauración de mobles, entre outras.
Durante a reunión, a concelleira reafirmou o seu compromiso co tecido asociativo, destacando a importancia destes cursos “para recuperar actividades e oficios tradicionais da nosa cultura, e tamén innovar con novas propostas”. Ademais, sinalou que a Tenencia de Alcaldía traballa para fortalecer este tecido tamén “a través das partidas orzamentarias”, polo que insistiu en que “as axudas económicas e os obradoiros conviven e danse ao mesmo tempo”.
Na xuntanza tamén participou a deputada de Cultura, Iria Castro, quen presentou as axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para asociacións culturais, cuxo prazo de solicitude está aberto desde o pasado luns.
Estas subvencións contan cun investimento total de 500.000 euros, repartido en dúas liñas: 315.000 euros destinados á realización de actividades culturais e 185.000 euros para melloras en instalacións e equipamento dos locais das asociacións.
Castro destacou que “seguimos reforzando esta liña de axudas para atender o crecente dinamismo das asociacións, unha rede fundamental para facilitar o acceso á actividade cultural e crear espazos de socialización e convivencia arredor da cultura e do patrimonio, especialmente nas parroquias e concellos máis pequenos”.