O Concello de Lugo presenta o calendario de 2026 centrado na memoria do rural

LugoXa
“A terra entre as mans” reúne imaxes históricas das parroquias a partir dos fondos do Arquivo Municipal
calendario-municipal-Lugo-2026
2 Jan 2026

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, deron a coñecer o calendario municipal de 2026, unha publicación editada pola área de Participación e construída a partir de fotografías e documentos conservados no Arquivo Municipal. Baixo o título A terra entre as mans, a nova edición pon o foco na memoria histórica das parroquias do municipio a través de imaxes que amosan diferentes aspectos da vida no rural lucense.

A presentación do calendario marca tamén o inicio dunha rolda de visitas ás parroquias que forman parte deste proxecto, unha iniciativa que, segundo destacou Cristina López, se consolida ano tras ano cunha excelente acollida. A concelleira subliñou que se trata dun compromiso firme para dar visibilidade ao rural de Lugo e á súa historia, reforzando o vínculo entre o territorio e a súa memoria colectiva.

López incidiu especialmente no papel desempeñado polas xeracións anteriores e no valor do seu traballo, que continúa tendo presenza na actualidade. Neste sentido, puxo en valor a importancia das imaxes antigas como fonte de información para coñecer a vida cotiá, as tradicións e a cultura doutros tempos, elementos fundamentais para comprender a evolución das parroquias lucenses.

O calendario de 2026 poderá ser recollido por todas as persoas interesadas nas oficinas da área de Participación do Concello de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.082009077072144