O Concello de Lugo presenta o plan de tráfico do San Froilán

O Concello de Lugo activará un dispositivo especial de tráfico durante as festas do San Froilán, co obxectivo de garantir a seguridade e facilitar os desprazamentos na contorna do Parque Rosalía de Castro e do recinto feiral. O plan, presentado polo concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, estará vixente do xoves 18 de setembro ao xoves 16 de outubro, coincidindo coa montaxe e desmontaxe das casetas e coas distintas actividades festivas.
O dispositivo inclúe cortes ao tráfico e prohibición de estacionamento nas principais rúas do recinto, como Avenida Rodríguez Mourelo, Rúa Puro Cora, Avenida Doutor García Portela, Explanada do Palacio Municipal dos Deportes e vías próximas, con acceso exclusivo a residentes, servizos autorizados e vehículos de emerxencia. Ademais, habilitaranse dobres sentidos en rúas seleccionadas, zonas de estacionamento provisionais e prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou carga e descarga. Os cortes máis restrictivos aplicaranse durante fins de semana e festivos, e o servizo de taxis reforzarase na Praza da Constitución, mentres que os autobuses adaptarán percorridos e horarios.
Alexandre Penas destacou a importancia da colaboración cidadá e avanzou que nas próximas semanas se anunciarán os servizos especiais de transporte público durante as festas, resaltando que o plan busca garantir un San Froilán seguro e accesible para todos.