O Concello de Lugo presenta o plan de tráfico para as festas do Barrio da Ponte

LugoXa
Durante as celebracións, o Paseo Álvaro Cunqueiro permanecerá pechado ao tráfico e prohibirase o estacionamento
CEIP-A-Ponte-de-Lugo
4 Apr 2025

O edil de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, presentou o plan especial de tráfico que se aplicará nos vindeiros días para garantir a seguridade viaria durante as festas do Barrio da Ponte.

Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento do evento e garantir a seguridade das persoas asistentes, Penas explicou que, durante as celebracións, o Paseo Álvaro Cunqueiro permanecerá pechado ao tráfico e prohibirase o estacionamento, exceptuando o acceso de residentes e usuarios do colexio en horario lectivo.

Non será necesario realizar cortes adicionais para as actuacións e as barracas, xa que estas actividades terán lugar nunha parcela privada pertencente á asociación organizadora.

Con todo, o domingo 6 de abril, entre as 13:00 e as 15:00 horas, procederase a restrición do tráfico durante a procesión que partirá da igrexa de San Lázaro ata o campo da festa. Neste período, cortarase o tráfico na Estrada Vella de Santiago na confluencia co Paseo Álvaro Cunqueiro e a Rúa Fermín Rivera, así como na propia Rúa Fermín Rivera, á altura da igrexa.

Ademais, o 12 de abril, coincidindo coa celebración do Campionato Galego de Carrilanas 2025, aplicarase un plan especial de cortes de tráfico para garantir a seguridade dos participantes e organizadores. As restricións afectaran as seguintes vías: Doutor Iglesias Otero, intersección de Estrada Vella de Santiago con Camiño Rego da Laxe, intersección de Estrada Vella de Santiago con Camiño Agro da Ponte, Rúa Fermín Rivera, Estrada Vella de Santiago, intersección en Lugar Pontegaos con Estrada Vella da Ponte 1, saída da Rúa Brétema cara a Estrada Vella de Santiago, intersección de Rúa Fermín Rivera con Estrada Vella de Santiago e Paseo Álvaro Cunqueiro, onde se situará a meta da proba.

APOIO DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o apoio do Goberno galego ás festas de San Lázaro e á IX Festa da Xuventude de San Pedro de Mera, que coinciden esta fin de semana no municipio. Arias subliñou o traballo das comisións organizadoras para conseguir unha programación atractiva e tramitar os permisos necesarios para o bo desenvolvemento dos eventos.

As festas de San Lázaro darán comezo esta tarde cunha churrascada popular e as actuacións da orquestra "Unión y Fuerza" e o DJ Adrián Corral. A celebración prolongarase ata o domingo e retomarase a vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de abril, con actividades lúdicas, deportivas e infantís.

Pola súa parte, a Festa da Xuventude de San Pedro de Mera terá lugar nunha carpa cuberta, cunha cea e as actuacións da orquestra Cinema e o DJ Adolfo Valiño.

⚙ Configurar cookies
0.18734216690063